Xa é hora de parar. Acumúlanse as desgrazas, unha sobre outra e estas sobre outras, de forma continuada e sen mesura, sen discreción e con arrogancia, coa soberbia propia da intolerancia. Os desastres naturais son continuados e onde está a súa orixe? A cidadanía ten na memoria, no pensamento e na pel, aqueles como a pandemia, as enchentes, os incendios, a seca, os terremotos e furacáns, todos aqueles que sendo naturais, segundo os científicos, están perfectamente relacionados co cambio climático e, mesmamente, coa economía e co negocio.
Tamén co negocio da política e dos partidos políticos, que no canto de propoñer acordos, exhiben as discrepancias nos seus pareceres, coa intención de que os separen para sempre, mentres cada un dos líderes segue campando co seu distinguido ridículo, igual que noutras ocasións fixeron.
As crónicas din que, entre as catástrofes naturais con mais vítimas, hai que enumerar o ciclón Bhola, en 1970, en Bangladesh; o maremoto do Océano Índico, en 2004, e o terremoto de Haiti, de 2010. En cada un deles morreron ao redor de trescentas mil persoas. A chamada (ou mal chamada) Gripe Española matou, entre 1918 e 1919, a uns corenta millóns de persoas.
A cerca de trinta millóns ascendeu o número de persoas mortas pola peste negra ou bubónica, entre os anos 1437 e 1352. E, cantas persoas morreron por mor da COVID? Cantas morreron e morren nas guerras? Alguén sabe cantas morrerían en Valencia? Aquí, agora, no século XXI, ninguén sabe nada e ninguén quere indagar na orixe desa catástrofe. Ninguén quere a autoría da traxedia, e moito menos a estas alturas, cando é hora de parar, cando o bulleiro deixa de ser dialéctico e enzoufa a cara da raíña, a chaqueta do rei, a chupa do presidente, a mirada do ministro Puente e a alma do pobo que traballa, escoita e respira, a duras penas.
O pobo, en contra do que di a cantiga, é o que menos ordena. Non ordena nada, obedece e observa as normas que establecen os que ordenan, os que mandaron e mandan. Os de sempre, como moi ben indican as risas dos ministros e das ministras, dos achegados, arrimadas e de todos eles e elas.
Como escribe Mario Benedetti e canta Quintín Cabrera, “¿de qué se ríe, señor ministro? ... tienen sus hijos / ojos de mando / pero otros tienen / mirada triste...” . Non hai moito que pensar! Neste caso, como case sempre, hai que poñerse do lado do pobo e axudar, pensar na recuperación da desfeita, na pronta restauración, na saúde dos vivos e no respecto absoluto aos mortos. Os nosos mortos, aos que a Tía Manuela quere homenaxear e citar con nome propio e con moita gratitude.