O Consello da Cultura Galega presentou esta mañá tres novas publicacións sobre a emigración galega. Dúas delas corresponden á colección Clásicos da Emigración: Estebo, de Xosé Lesta Meis e Verdades como puños y consideraciones, de Justo Taladrid. No acto tamén se presentou o catálogo da exposición As xeracións do Montserrat.
Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido. Na presentación participaron Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Miro Villar, autor do estudo introdutorio da obra Estebo de Xosé Lesta Meis, Emilio Xosé Ínsua, autor do traballo de contexto de Verdades como puños y consideraciones de Justo Taladrid. Pola súa banda, Pepe Barro presentou o catálogo da exposición As xeracións do Montserrat.
Estebo, de Xosé Lesta Meis, publicada por vez primeira na Coruña en 1927, é considerada a "contribución literaria máis importante" deste autor nacido en Oza, e "unha obra fundamental para achegármonos ao contexto do mudno rural na época da masiva emigración a Cuba". Lesta Meis empregou para esta obra de ficción a súa propia experiencia da emigración, polo cal a novela ten moito de autobiografía ficcionada do propio autor. Para Miro Villar, autor do estudo introdutorio, Xosé Francisco Lesta Meis estaba no cumio "dos escritores da promoción das Irmandades da Fala". Para Villar, Estebo é unha "novela-documento" que segue a ser "fundamental para achegármonos ao contexto do mundo rural".
Pola súa banda, Verdades como puños y consideraciones. Mis servicios al distrito de Vivero (1935) de Justo Taladrid introdúcenos no debate público ao redor do papel dos emigrantes nos equipamentos educativos. "Constitúe un libelo polémico no que o autor intentou xustificar a súa propia conduta, que moitos sectores sociais e institucionais xulgaron obstruccionista no proceso de consecución dun novo grupo escolar para Viveiro", explica o historiador Emilio Xosé Insua López, que no texto inicial adéntrase nas redes sociais, políticas e persoais do Viveiro dos anos 20 e 30, como un exemplo da sociedade galega do seu tempo e os conflitos ideolóxicos e sociais da altura.
Ámbalas dúas publicacións pertencen á colección Clásicos da Emigración, un liña de publicacións que busca ofrecer "unha escolma das obras que contribúen a coñecer e valorar a historia da emigración galega desde diversas perspectivas", rescatando textos de diferentes formatos durante as décadas de maior impacto migratorio.
A presentación tamén incluíu o catálogo da exposición As xeracións do Montserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido, a exposición promovida polo Consello da Cultura Galega co comisariado do escritor e xornalista Xesús Fraga e o deseño expositivo de Pepe Barro, quen tamén é o autor do deseño do catálogo impreso. A exposición detíñase nunha das emigracións galegas máis descoñecidas para o gran público, como é o caso da dirixida, na segunda metade do século XX, ao Reino Unido.
As tres publicacións están dispoñibles para descarga no web do Consello da Cultura galega.