No Día do Libro, mércores 23 de abril, celebrouse, ás 11 h, na sede de Editorial Galaxia, unha rolda de prensa na que se deu a coñecer o fallo do Premio Galaxia de Novela 75 Anos, o galardón literario de maior
dotación económica en Galicia.
O xurado, presidido pola catedrática e conselleira da editorial, Dolores Vilavedra Fernández e composto por Marcos Calveiro, como secretario; Ramón Nicolás Rodríguez, escritor, profesor e crítico literario; Tensi
Gesteira Estévez, xornalista e crítica literaria; e Inma Otero Varela, escritora, profesora e crítica literaria; decidiu por maioría outorgar o premio á obra "O lanzador de coitelos", da autoría de Fernando Castro
Paredes.
A novela, segundo destacou o xurado, sobresae pola súa elevadísima calidade literaria e pola forma brillante na que está escrita, atrapando o lector nunha atmosfera desacougante. Enmarcada no xénero do thriller,
"O lanzador de coitelos" aborda cuestións complexas, como a memoria (individual e colectiva), a liberdade, a identidade e o control social levado ata extremos humillantes. O texto articúlase como un xogo
metaliterario e de máscaras, no que se reivindica tamén a relación entre a arte e o fracaso.
Por outra banda, o xurado quixo destacar tamén a numerosa participación e o alto grao de calidade das obras concorrentes.
Na rolda de prensa participaron Dolores Vilavedra, presidenta do xurado; Xosé M. Soutullo, director de Editorial Galaxia; Marcos Calveiro, mdirector de Edicións; e o gañador, Fernando Castro Paredes. Fernando Castro Paredes sinalou que "en ningún momento pensou que este texto puidese ter un recoñecemento desta embergadura", o que tildou como "un premio histórico", poñendo en valor "o orgullo inmenso que sente por poder recibir este galardón".
Dolores Vilavedra destacou durante a súa intervención que o xurado seleccionado "representa un abano interxeracional diverso, no que houbo moito intercambio de puntos de vista; facéndose presente a voz das novas xeracións, e tamén unha diversidade e pluralidade de criterio". Xosé M. Soutullo fixo fincapé en que "o premio será presentado no Hotel Compostela, en Santiago, porque alí foi cando o 25 de xullo de 1950, tivo lugar a asamblea de constitución de Galaxia".
Marcos Calveiro puxo en valor a alta calidade literaria da obra.