O Concello carballés presentou este xoves un amplo programa das Letras Galegas, con propostas teatrais, musicais, exposicións, proxeccións audiovisuais, encontros e actividades formativas que se levarán a cabo do 30 de abril ao 30 de maio. ‘Canta miña compañeira’ é o título do programa, recollendo un verso dunha cantiga que fai referencia aos lazos de milleiros de cantareiras e pandereteiras que ao longo do tempo crearon e conservaron unha rica poesía popular oral, que foi transmitida de xeración en xeración.
Carballo rende así homenaxe á poesía popular oral, nunhas Letras Galegas que a Real Academia Galega adica este ano á poesía popular, personificándoa en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica).
Por iso, o Concello creou unha programación na que o tecido asociativo e as cantareiras de Carballo teñen un protagonismo especial, sendo fundamental a súa colaboración. A presentación do programa levouse a cabo onte no Pazo da Cultura, co alcalde, Evencio Ferrero; as concelleiras de Cultura e Festas, Maruxa Suárez; Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret; o edil de Mocidade, Ramón Varela; e representantes das cinco entidades que colaboran: AC San Campio de Cances, AC Nemeth, AC Escola do Alprende, AC Arume de Verdillo e ADCR Baldaio.
No nome das entidades falou Belén Mato, que destacou o papel fundamental que xogaron tantas mulleres ao longo dos anos para conseguir preservar un patrimonio cultural tan importante. “Este Día das Letras é unha merecidísima posta en valor do labor desas mulleres como transmisoras do noso saber popular a través das súas coplas, das cantigas e da poesía oral”, afirmou.
Á súa vez, Maruxa Suárez expresou o orgullo do Concello por contar cun fértil tecido asociativo que é quen de continuar co legado das pioneiras. Pola súa banda, Ángeles Pacoret destacou a exposición ‘Letras cantadas’, que estará nas Escolas do Xardín do 16 de maio ata o 1 de xullo, e que deixa claro que “o galego non é unicamente unha lingua para falar senón tamén para cantar”.
Ramón Varela lembrou que a homenaxe do 17 de maio é extensiva a todas as cantareiras, e que por iso o Concello quixo dedicarlle a celebración ás de Carballo, “ás que foron, ás que son e ás que van vir”. Evencio Ferrero remarcou que “a lingua cantada ten moita vitalidade e moito futuro” e recoñeceu a “acertadísima decisión” por parte de la RAG ao pór en valor esta figura que nos acompaña dende sempre.
O Programa das Letras arrinca o 30 de abril coa presentación do libro Cancioneiro Serodio (1989-2012) de Xabier Díaz. Unha das citas máis salientables será o Concerto das Letras Galegas 2025 titulado ‘As cantareiras e a poesía popular oral’, que este ano o Consello da Cultura Galega organiza en Carballo, coa colaboración do Concello. Once artistas procedentes da música tradicional, popular e moderna conforman un espectáculo creado expresamente para esta cita, que será o 16 de maio ás 20.30 horas no Pazo.
O 3 de maio terá lugar ‘Vivan as do meu lugar’, unhas xornadas para poñer en valor o papel das asociacións e agrupacións de música tradicional de Carballo e de Bergantiños como conservadoras do patrimonio tradicional musical e oral. A cita contará con encontros con artistas como Mercedes Peón, Alana, Su Garrido Pombo ou De Ninghures. Ese mesmo día terá lugar o concerto ‘Canta, miña compañeira’, coas agrupacións de cantareiras e pandereiras locais.
O 2 de maio proxectarase o documental ‘Lévame a idea’ e o día 15 o Grupo Chévere representará a obra ‘As fillas bravas de Momán’ que, xunto co concerto de Cantometrics, “Efémeras”, o 9 de maio, serán as únicas propostas de pago. O resto será de entrada libre ata completar o aforo.
Este ano o Programa das Letras tamén levará as letras cantadas aos centros de ensino.