Fina Paulos e Óscar Rey publican un libro en galego sobre Intelixencia Artificial

Fina Paulos e Óscar Rey publican un libro en galego sobre Intelixencia Artificial
Óscar Rey, pola dereita, e Fina Paulos recollendo uns premios

Fina Paulos e Óscar Rey, docentes no IES Maximino Romero de Lema de Baio (Zas) acaban de publicar a obra “Intelixencia Artificial para a sociedade”, un traballo pioneiro que busca “democratizar o acceso ao coñecemento sobre unha das tecnoloxías máis revolucionarias do noso tempo”, segundo explican os autores, que son especialistas neste campo, cunha ampla experiencia en proxectos innovadores empregando esta ferramenta e fomentando o seu impacto positico na sociedade. 


Con esta obra pretenden achegar a Intelixencia Artificial (IA) a todas as persoas, polo que guían ao lector dende conceptos básicos ata aplicacións prácticas, cun enfoque accesible e motivador. Ademais, inclúese unha reflexión profunda sobre os desafíos éticos, sociais e legais que esta tecnoloxía implica.
No libro combínanse capítulos teóricos, que explican a evolución e as aplicacións da IA con actividades prácticas que permiten ao lector experimentar as súas posibilidades con temas como a ética e a responsabilidade, a IA na elaboración de textos, imaxes, sons e “chatbots”, a súa aplicación a ámbitos como a educación, a sanidade ou o medio ambiente, entre outras cosas. 

 

Para profesores e alumnos


A obra xurde dende o ámbito educativo, por iso se trata dunha ferramenta útil para o profesorado e alumnado que desexe incorporar estas tecnoloxías nas súas aulas, tal como indican os seus autores. Ao mesmo tempo, trátase dunha guía práctica e comprensible para profesionais de diversos sectores e calquera persoa que queira iniciarse na IA. 


Os autores agradecen a Medulia Editorial o seu apoio, reafirmando así o seu compromiso pola promoción e difusión da lingua galega. 
A obra nace coa intención de empoderar á cidadanía galega para afrontar os retos e oportunidades que esta tecnoloxía trae consigo, tal como destacan. “A intelixencia artificial non é o futuro: xa é o presente, e está nas nosas mans utilizala dun xeito responsable e produtivo”, engaden.

Fina Paulos e Óscar Rey publican un libro en galego sobre Intelixencia Artificial

Te puede interesar