Fernando Blanco, en Bomoble

Fernando Blanco Guerra ( O Carballiño, 1947) trae unha mostra da súa obra pictórica a galería Bomoble, baixo o título  de VERÁN 23; arquitecto de profesión e profesor de Proxectos na  Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña, conta  con un amplo i exitoso curriculum , do que merecen citarse a Casa Redonda de O Grove, o Centro de Saúde Castro Ribeiras de Lea,entre outros; dignas de mención son tamén as esculturas que fixo para conmemorar os 25 anos do Parlamento Galego no Pazo do Hórreo e a de “Homenaxe a xeneración Nos” no campus de Ourense. Artista polifacético, a súa faceta de pintor é tamén salientable, como demostra a actual exposición na que fai gala dun singular dominio do oficio, tanto cando aborda a figura humana ou a paisaxe como cando se mergulla por los terreos da abstracción; en todos os casos síntese latexar un potente lirismo que se manifesta nas ben acordadas temperaturas da cor e na vibración da pincelada que  se deixa levar polo xesto e sigue ritmos abertos, mui achegados, as veces, a abstracción informalista.


Así sucede nos cadros “ A bruta flor”, “A tortilla cuadrada”, “Maduración” ou “Tenacidade” onde un xogo de envolventes e dinámicos  trazos negros  e grises crean unha especie de rede ou entramado que encerra  planos  de cor cálida: terras, ocres, laranxas..., creando deste xeito un contrapunto entre zonas  acougadas de resonancia telúrica e as forzas de fora que as invaden; transmite, desde xeito, esa eterna dialéctica da natureza en continua transformación. O expresionismo, coa súa finalidade de reflectir a interioridade dun xeito libre, é visible tamén no seu autorretrato no que semella ensimismado e como ollando melancólicamente cara o infindo nunha atmosfera de soltas manchas azuis; pero é no “Retrato do pintor Vidal Souto” onde a ruptura atinxe  o seu punto álxido, pois o que nos ofrece é un fragmento mui agrandado do rostro que enche todo o plano e do que só son visibles cellas, nariz e boca como si estivese atrapado na súa propia introversión.


Un singular e fermoso grupo de obras son os tondos de forma circular, como os titulados Tondos do Ribeiro nos que crea suxerentes e cálidas evocacións de recunchos naturais que poden lembrar espesas ramalladas, augas fluintes baixo un ardente sol, ou achegarnos a unha liminal  i engaioladora paisaxe, como sucede co tondo “ O Pindo desde o Sardiñeiro”, obra que en polifonía de azuis e violáceos, con leves toques de terra vermella, resume esa comunión animista coa natureza e todo ese asombrado lirismo tan de noso. Hai un grpo de pequenas obras sobre papel que titula “Instantes” nas que deixa fluir o debuxo para perfilar unha man, unha ramiña que se abre en abano ou simples formas abstractas que agroman dun impulso secreto.  


Fernando Blanco é, xa que logo, un creador multifacético e valente, capaz de sairse dos esquemas da súa formación de arquitecto, para navegar polos arriscados  territorios da pintura na percura de sensacións inéditas e de configuracións que den libre curso  á inefable  inspiración.

Fernando Blanco, en Bomoble

Te puede interesar