Certo é!

Eles eran conservadores e os outros tamén. Uns eran progresistas, ao seu xeito, e os outros querían o progreso, á súa maneira. Todos querían avanzar polo seu camiño, sen perder o rego marcado, sen desaproveitar os marcos, as paredes e os valados. Moitos eran e son (cada vez máis) profesionais defensores dos seus pareceres. É dicir, dos seus intereses.


Cando un grupo dá uns pasos para adiante, os seus rivais (inimigos) atrancan o camiño, falan o que presumen que lles gusta escoitar e, se poden, atrancan a ruta para que o recorrido sexa máis longo ou imposible. Sempre, segundo din, “polo ben da cidadanía”. Importante dicir e pensar.


E quen é a cidadanía? Esa morea de cidadáns dun pobo ou nación, de aquí ou de acolá, que pensarán ou que esperarán? Nenos, mozos, homes e mulleres; as avoas e os avós, as primas e a rapazada do lugar son cidadanía, coma  nós e igual que vós. 


Non importa. Aqueles de práctica comunista, os fascistas, socialistas, progresistas, conservadores, nacionalistas, anarquistas, liberais, sindicalistas  e amigos de cada un destes grupos, son capaces de reconstruír o universo, incluso o importante  universo creado polos medios de comunicación, do que tanto falan aqueles que era moito mellor que estiveran calados. 


A radio, os medios de comunicación escritos, a televisión e as redes socias, van ao seu, ao deles, ao dos que pagan e mandan. Debemos procurar que manden ben, que escoiten, que analicen e despois, se queren falar, que falen, que escriban e pensen no que din e no que queda por dicir. 


Na opinión dos teóricos, o progresismo nace como a ala esquerda dos liberais, daqueles que son partidarios do liberalismo político e económico, daqueles que non queren saber nada do Estado, que “debe contar con límites claros ao seu poder para que non constitúa un impedimento ao exercicio da vida libre e autónoma”.
Aqueles que defenden un mundo máis xusto e con máis igualdade, con máis progreso e máis riqueza para todos, que son? Son normais, xente normal, a maioría dos que visten e calzan, choran e rin, camiñan e móvense de forma absolutamente normal.  


Pero, que ninguén se chame a engano. Diante do reparto, non son todos nin todas iguais. Como di a Tía Manuela, “que se deixen de risas, de tabernas, de mentiras e de “pamplinas”, os nosos son mellores”. Certo é!

Certo é!

Te puede interesar