O BNG de Muxía denuncia o abandono de doazóns humanitarias

O BNG de Muxía denuncia o abandono de doazóns humanitarias
Imaxe aportada polo BNG do material

O BNG de Muxía denunciou “con abraio” que numerosos artigos doados para axuda humanitaria pola veciñanza no 2022 continúan anos despois “arrombados nun curruncho do Multiusos da Camposa”, e urxe ao Concello a darlle destino “canto antes”.


Os nacionalistas subliñaron que xa en 2022 e posteriormente en 2023 se denunciara que o material doado pola veciñanza, con motivo da campaña de apoio ao pobo ucraíno, non fora debidamente entregado. “Negouse este extremo, mais a celebración do Mercado de Nadal nesta instalación provocou que se puidera reparar na existencia dunha serie de artigos, a meirande parte destinados a bebés, afastados e arrombados nunha esquina da zona de almacenaxe en completo desorde”, sinalou a formación frontista, que afirmou que “o abraiante é que algúns deses artigos sexan os mesmos que, máis de dous anos despois da súa recollida, continúan no mesmo lugar”.


A voceira do BNG muxián, Mercé Barrientos, considera “unha irresponsabilidade, unha falta de humanidade e mesmo un engano á veciñanza o feito de que estes artigos, aportados polos veciños e veciñas nunha campaña promovida desde o propio Concello, non foran entregados no seu momento”, e urxiu ao actual goberno municipal “a facerse cargo da situación canto antes e darlles o destino para o que foron recollidos: servir de axuda humanitaria en calquera das múltiples catástrofes nas que as ONG’s están a reclamar apoio”. 

O BNG de Muxía denuncia o abandono de doazóns humanitarias

Te puede interesar