O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, clasurou este venres un encontro con beneficiarios do Programa Merlo, unha iniciativa impulsada pola Xunta co obxectivo de proporcionar mentoría e acompañamento aos galegos retornados beneficiarios para crear e consolidar as súas propias empresas en Galicia.
González puxo en valor que a asesoría que ofrece Merlo complementa as axudas do Programa Retorno Emprendedor, que ten como finalidade promover o autoemprego e a actividade emprendedora deste colectivo. Precisamente vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) a ampliación do orzamento deste ano nun 25% para cubrir a alta demanda desta liña de axudas, que en 2024 favorecerá a 150 persoas con apoios que poden chegar ata os 10.000 euros por beneficiario.
Durante a súa intervención, o titular de Emprego salientou a importancia deste programa para seguir enriquecendo o mercado laboral galego coa experiencia e as capacidades dos galegos retornados e dos seus descendentes, así como para garantir a necesaria remuda xeracional. Cun investimento desde o ano 2013 de máis de 5,3 millóns de euros —aos que se sumará 1 millón máis contando cos orzamentos de 2025– ata o momento xa se apoiaron máis de 800 proxectos postos en marcha por galegos retornados procedentes de 40 países dos 5 continentes. Así mesmo, o conselleiro subliñou o grao de diversidade e innovación das iniciativas empresariais respaldadas pola Xunta, relacionadas coa hostalaría, o comercio, a Industria 4.0, a enxeñaría, a fabricación ou o deseño. Tamén salientou as oportunidades que ofrece o talento retornado para impulsar o emprendemento na Galicia non urbana, destacando que ao abeiro deste programa se están creando empresas na mesma proporción tanto nas vilas pequenas como nas cidades, contribuíndo así ao equilibrio territorial polo que tamén avoga a Xunta.
Como complemento ás axudas económicas do Programa Retorno Emprendedor, xorde a iniciativa Merlo, na que participan cada ano arredor dun centenar de persoas e a través da que se ofrece mentorización, apoio e asesoramento personalizando en cuestións clave no éxito dos seus respectivos proxectos, como dirección e planificación, comunicación e márketing, administración e finanzas ou tecnoloxía e vendas.
José González reafirmou a aposta estratéxica da Xunta por consolidar Galicia como un referente estatal e europeo no eido do emprendemento vinculado ao territorio —avalado xa co galardón como Rexión Emprendedora Europea 2025– e para o cal os galegos e galegas retornados son un piar absolutamente fundamental.
Neste marco, lembrou o papel da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego despregada por toda Galicia e con 15 oficinas repartidas actualmente por diferentes vilas e cabeceiras de comarca. Así, explicou que é unha ferramenta clave da que tamén poden facer uso os emprendedores retornados. De feito, dos 3.000 proxectos atendidos a día de hoxe pola Rede, un 20% están impulsados por persoas de fóra e Galicia.
Galicia é pioneira a prol das políticas de retorno, fundamentais para facer fronte ao reto demográfico e dar resposta a desafíos como a cobertura de vacantes. No marco da Estratexia Galicia Retorna, a Xunta busca a atracción de perfís altamente cualificados a través das Bolsas BEME, cuxa 9ª convocatoria se aprobou esta semana no Consello da Xunta, que permiten á mocidade do exterior completar a súa formación académica en Galicia para posteriormente inserirse no mercado laboral ou valorar o emprendemento.
Na folla de ruta, tamén destaca o Programa Retorna Cualifica Emprego, cuxa segunda edición se atopa actualmente en marcha cun orzamento de 2,3 millóns de euros co obxectivo de beneficiar uns 200 residentes no exterior menores de 55 anos deica finais de 2025 ou as así como axudas extraordinarias para establecerse en Galicia, das que xa se beneficiaron 4.500 familias cun orzamento global de 13 millóns de euros.