Reportaxe | A Xunta impulsa un curso histórico nas escolas infantís ao ser de balde para todos os fillos

Reportaxe | A Xunta impulsa un curso histórico nas escolas infantís ao ser de balde para todos os fillos
O novo curso é de balde nas escolas infantís de Galicia –de titularidade pública, privada ou iniciativa social– para todos os nenos de entre cero e tres anos | AEC

Esta semana comezou un curso moi especial en Galicia. O primeiro totalmente gratuíto nas escolas infantís de 0 a 3 anos en Galicia. Unha medida pioneira en España da que se beneficiarán máis de 31.000 familias, con independencia do centro ao que acudan os nenos –público, privado ou de iniciativa social– e sen ter que realizar ningún trámite diante da Xunta. Así, a comunidade convértese na primeira en aplicar a gratuidade nesta etapa educativa voluntaria espertando o interese doutras administracións que, dunha maneira ou doutra, xa están intentando copiar a Galicia.


Co obxectivo de facer efectiva esta medida, a institución autómica achega máis de 50 millóns de euros neste curso. Un investimento extraordinario que permitirás ás familias aforrar entre 1.500 e 2.000 euros anuais por neno ou nena.

 

Sinxeleza
Outro dos aspectos destacados da iniciativa é a súa sinxeleza pois non é necesario realizar ningún tipo de trámite para solicitar a gratuidade, que aplica a Xunta directamente sexa no centro que sexa que estean matriculados, sen papeis, tal e como indican desde Política Social.  Deste xeito, o Goberno de Alfonso Rueda aposta por ofrecer  ata un máximo de oito horas de balde en función do que precisen as familias, tanto nas escolas infantís como nas casas niño espalladas polo rural de Galicia.


Ademais, cómpre recordar que a gratuidade comezou en abril de 2020 cos segundos fillos e sucesivos, e logo da boa aceptación entre o sector e, claro está, entre as familias, decidiuse dar un paso máis e facer gratuíta tamén a atención para os primoxénitos, polo que a gratuidade supón “un antes e un despois na atención educativa infantil e nas axudas ás familias galegas” nun momento onde a inflación supera o 10%.

 

Obxectivos
Con esta iniciativa, o Goberno de Alfonso Rueda quere ampliar a súa colaboración coas familias que cada curso asumen un gasto importante e, ao mesmo tempo, fomentar a conciliación en todo o territorio, tanto nas cidades como na contorna rural, e do mesmo xeito na Coruña que en Lugo, Ourense e Pontevedra. O certo é que a comunidade galega leva anos estando á vangarda no ámbito da conciliación e das axudas ás familias para a crianza dos seus fillos en calquera cidade ou municipio de Galicia. 


Nesta liña, nos  concellos de menor tamaño estreou no 2016 as Casas niño, pequenas escolas infantís gratuítas para atender a un máximo de cinco nenos, e seis anos despois da súa posta en marcha, case cincocentas familias do rural galego (450) levan aos seus fillos a unha casa niño, nas que reciben unha atención de calidade e de balde ao 100%.


Natalidade
Ademais desta medida,  a Xunta tamén apoia a natalidade a través do Bono Coidado e a Tarxeta Benvida. O primeiro consiste nunha axuda económica para familias con menores de doce anos que precisen dun recurso personalizado a domicilio para cubrir as necesidades puntuais derivadas da conciliación, e a segunda é unha unha tarxeta moedeiro destinada a colaborar nos gastos básicos, como artigos de primeira necesidade.  


Con carácter xeral, a contía total desta axuda é de 1.200 euros por cada fillo ou filla, aínda que ten un incremento para as familias do rural ou aquelas que se atopan nunha situación de vulnerabilidade. Dela xa se levan beneficiado unhas 78.000 familias en Galicia.  Neste caso, poden solicitalas as que residan en Galicia e teñan bebés nados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022. 

 

Jacobo Rey | “É unha aposta moi forte da Xunta e temos clarísimo que é unha medida que chega para quedar”

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey,  analiza o inicio do curso nunha visita á Escola Infantil das Mariñas na Coruña.

 

Como está sendo o inicio de curso e como reciben as familias a aplicación desta nova medida?
Acabamos de visitar a Escola Infantil das Mariñas, na Coruña, e o que nos transmiten tanto as familias como as educadoras e a directora é que están moi satisfeitos porque é unha medida que afecta directamente a todos por igual, a todas as familias con fillos con idades de 0 a 3.

Ademais, chega nun momento económicamente complicado... 
Dada a situación económica que temos, que está golpeando ás familias, chega no momento perfecto, para axudar ás familias a aforrar e contar con liquidez para destinar eses recursos a outras necesidades e, ao mesmo tempo, enviarlles a mensaxe da importancia da educación de 0 a 3 anos. Unha aposta moi forte da Xunta de Galicia.

 

Chega nun momento clave pero, para quedar de xeito definitivo? 
Temos clarísimo que chega para quedar. Primeiro porque é unha medida incluida na Lei de Impulso Demográfico, aprobado no Parlamento de Galicia  no ano 2020, e aparte porque non pode ter volta atrás, é necesaria e a proba está en que non tivo nin unha soa crítica.

 

Outras comunidades autónomas xa mostraron o seu interese na iniciativa de Galicia 
Fomos os primeiros e non é porque sexamos moito máis listos nin porque inventaramos a pólvora, senón porque démonos conta da importancia de facilitar que as familias poidan utilizar as escolas infantís de 0 a 3.

Como ferramenta de conciliación?
Pero tamén como ferramenta educativa. Hoxe en día son centros onde se ensina e, é máis, centros onde se da o maior desenvolvemento da persoa. Entran no colo dos seus pais e saen andando, falando e case comendo sós. É máis, tamén é unha ferramenta clave para a socialización.

 

Cantas familias se beneficiarán este curso da gratuidade das escolas de 0 a 3 anos? 
Dispoñemos de 31.000 prazas pero é certo que a educación de 0 a 3 ten unhas pecularidades distintas do resto, e hai prazas que poden ser utilizadas por máis dunha familia, xa que os horarios dependen das necesidades. En calquera caso, o obxectivo é chegar a esas 31.000 familias. 

 

“Tendo en conta o que pagabamos o ano pasado, no noso caso o aforro será duns cen euros mensuais”

A conciliación é tamén un reto para a familia de Noelia. O seu neno, Roque, acaba de comezar un novo curso, pos vai á escola infantil por segundo ano, a unha das incluidas na rede de escolas públicas autonómicas. 


Na súa elección primaron a calidade do ensino e a proximidade do centro a súa vivenda. “Tanto o pai coma eu sempre fomos á escola pública e queriamos que o neno tamén vivira esta experiencia, e aparte temos o centro ao lado da casal, o que é un valor engadido bastante considerable, e nós sempre apostamos por A Galiña Azul”. Consideran que “é das melllores escolas que hai”, apunta Noelia.


En canto ao aforro que suporá esta nova medida, Noelia, á espera de confirmar cal é o prezo exacto para este curso, calcula que serán uns cen euros ao mes porque o ano pasado, a xornada completa –de 09.00 a 15.00 horas– e o comedor, que é o que utiliza  o seu pequeno, “pagabamos por todo 149 euros, e este ano só teremos que pagar a comedor co que calculo que aforraremos uns cen euros que poderemos investir noutra cousa ou destinar a aforro ou a algún capricho”.


Iso supera os 1.000 euros anuais co que “estamos moi contentos con esta nova medida implantada pola Xunta e da que se beneficiarán unhas 30.000 familias en toda Galicia, según as cifras proporcionadas pola Consellería de Política Social.

 

“Aínda non o calculamos, pero calquera medida deste tipo sempre ven ben para o peto”

 

Unha alegría enorme para familias como a de Tania, unha das miles de nais que cada día deixa á sua filla nunha escola infantil, no seu caso nunha da Galiña Azul da área metropolitana de A Coruña. A actual demanda do mercado laboral e a necesidade de compaxinar a súa actividade laboral co coidado da pequena, levou á familia a matricular a Lucía nun centro da rede de escolas públicas autonómicas. 


A medida, impulsada pola Xunta é, na súa opinión, unha “decisión extraordinaria” e, sobre todo, “necesaria”, que aliviará a moitas familias en Galicia. “Calquera medida deste tipo sempre ven ben para o peto, así que benvida sexa”.


A súa nena acaba de comezar o seu terceiro ano na escola e “vai encantada”. Desde o primero ano “se adaptou perfectamente, encántalle e a experiencia é maravillosa”. En canto ao aforro, aínda non fixeron os cálculos tendo en conta as taxas deste ano, pero sabe que só terán que aboar o servizo de comedor.


Ademais, tanto Lucía como os seus pais recoñecen estar “encantados” con outra das novidades máis destacadas deste curso escolar que acaba de comezar, que non é outra que a eliminación de case o cento por cento das medidas anticovid, algo “moi necesario” para uns nenos tan pequenos, para quen a escola, ademáis dun espazo onde aprender, tamén e o lugar onde se relacionan e máis socializan con outros nenos e nenas.

Reportaxe | A Xunta impulsa un curso histórico nas escolas infantís ao ser de balde para todos os fillos

Te puede interesar