Rama (Paiosaco): “O autobús usámolo só para desprazarnos aos campos”

Rama (Paiosaco): “O autobús usámolo só para desprazarnos aos campos”
Hadrián Rama, porteiro do Paiosaco, antes dun partido da presente tempada na Porta Santa | raúl lópez

O Paiosaco encadea cinco partidos consecutivos con vitoria e con portería a cero que lle situaron no máis alto da clasificación na fase de ascenso. Hadrián Rama Martínez (Lucerna, Suíza; 1990), porteiro e capitán do equipo da Porta Santa, destaca a capacidade de sacrificio e esforzo defensivo de todo o equipo tras gañar á Sarriana (1-0) e recoñece que non lembra un tramo da súa carreira no que lle tiraran menos que nestes últimos encontros.




Foi xusto o 1-0?
Paréceme xusto. O rival non disparou a portería e tampouco pisaron a área en demasiadas ocasións. Fixemos un partido moi serio, equilibrados defensivamente e deixándonos a alma en cada acción. Soubemos volver ler un partido destas características, sen ‘tolear’, fisicamente dando o máximo e esperando as nosas oportunidades de facer dano.

Pasástelo mal nalgún momento do partido?
Non sufrimos pero tampouco podes dicir que tivésemos o partido controlado cunha vantaxe dun só gol e cando xogas contra o mellor equipo por calidade individual da categoría. Tecnicamente son espectaculares. Aínda que colectivamente non estaban a brillar como de costume calquera deles podía facernos perigo.

Foi penalti a Casariego? E cres que está ben repetido?
Desde a miña posición parece tan claro como ‘tonto’. A acción sucede no vértice da área nunha zona sen demasiado perigo, pero o defensor chega tarde e derruba a Casariego. Respecto á repetición, despois do partido vin o vídeo e antes de disparar xa hai dous xogadores da Sarriana un metro dentro da área. Se te adiantas 15 cm., é compresible. Se te adiantas un metro antes de disparar con dous árbitros mirando precisamente iso, é moi descarado.

Que pensaches cando Josiño fallou o penalti en primeiro termo despois dos dous errados por Cristian xornadas antes?
Que non podía ser verdade. Tento darlles consellos aos lanzadores sobre o que deben facer pero non me fan caso (ri). Aínda que é certo que fállao só o que ten valor a tiralo.

O partido foi outro tras a expulsión? Foi xusta?
En directo paréceme clara pero vendo as imaxes aínda me parece máis. O central cae nunha disputa e desde o chan solta unha patada cos tacos na cara de Cristian co árbitro a cinco metros. De novo tan clara como parva.


Quinta portería a cero sucesiva nunha fase de ascenso. Como se consegue?
Con dianteiros que pechan liñas de pase, con extremos solidarios, con mediocentros que conducen ou arriscan só en zonas pouco perigosas, con centrais contundentes... O erro normalmente é pensar que defender é só cousa do porteiro e da liña defensiva. Temos claro que todos temos un rol defensivo, igual que un rol de ataque, e que a comunicación no campo é un elemento vital.

Algunha vez encadearas cinco partidos sen encaixar?
Non me acordo de estar nunca tanto tempo sen encaixar pero tampouco lembro que me tiraran tan pouco a portería. Estou contento no plano persoal porque un porteiro, ademais de recibir disparos, ten que tomar decisións que non se ven pero que son importantes en aspectos como o xogo aéreo, as saídas, a comunicación....

Levades cinco 1-0 seguidos. Algo moi do antigo Atlético do Cholo.
Non nos gusta nada que nos etiqueten de conformistas ou de ultradefensivos. O autobús usámolo só para desprazarnos aos campos. Mantemos a cero a portería porque defendemos todos, non porque acumulemos xente atrás ou porque teñamos portentos físicos en defensa, ao contrario. Do mesmo xeito que marcamos un só gol por partido, non porque non teñamos ‘ killers’ doutro nivel ou porque non ataquemos.

Vai ascender o Paiosaco?
Non o sei. Oxalá que si. Pero de momento somos moi cautos con iso. Se perdemos en Mugardos esta semana, con case total garantía estaremos outra vez fóra do ascenso. Estamos nunha dinámica moi boa pero a realidade é que Arteixo e Sarriana están a dous puntos. Un mínimo erro e estamos fóra de novo. Nisto si nos gusta parecernos ao Cholo. Partido a partido. 

Rama (Paiosaco): “O autobús usámolo só para desprazarnos aos campos”

Te puede interesar