O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron onte na presentación das máis de 40 actividades impulsadas pola Xunta de Galicia para celebrar en novembro o Mes da ciencia en galego na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia xestionadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, así como nas dos centros educativos. O obxectivo desta iniciativa, que se celebra de xeito consecutivo desde o ano 2014, é sensibilizar sobre o valor de empregar a lingua galega na divulgación científica.
Na presentación da programación, que se celebrou na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago, os representantes do Goberno galego destacaron a importancia desta efeméride para “a difusión da ciencia a través dos libros e dos recursos en galego que están á disposición dos lectores”. Ademais, salientaron “a necesidade de trasladar este coñecemento aos máis cativos a través dos centros educativos, tal e como facemos con este programa”.
Unha ampla axenda científica
As bibliotecas xestionadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo acollerán máis de 40 propostas a prol da divulgación científica. Deste xeito, haberá obradoiros de robótica, de astronomía, de arquitectura ou maxia, así como escape-rooms, mostras bibliográficas, charlas, contacontos e exposicións. As actividades celebraranse durante todo o mes de novembro e poden consultarse nas páxinas web dos respectivos centros.
Ao mesmo tempo, os centros educativos de primaria e secundaria desenvolverán, ao abeiro desta programación, unha serie de iniciativas como publicacións, conferencias, exposicións de proxectos, xogos interactivos, podcast ou concursos para incentivar o traballo en equipo e para que os estudantes teñan a oportunidade de interactuar con estes.