A Xunta fomenta o encontro do alumnao de artes escénicas co exercicio profesional a través do CDG

A Xunta fomenta o encontro do alumnao de artes escénicas co exercicio profesional a través do CDG

O CDGLab, o programa formativo no que colaboran o Centro Dramático Galego e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, iniciou cunha visita técnica ao Salón Teatro a actividade da súa quinta edición para ofrecerlle ao alumnado un achegamento á realidade escénica galega que lle facilite adquirir competencias e habilidades na súa incorporación ao mercado laboral.

 

Nesta primeira xornada, 25 estudantes de primeiro curso coñeceron as instalacións do Salón Teatro da man de profesionais do cadro de persoal da unidade de produción teatral da Xunta, que lles achegaron unha perspectiva profesional do espazo escénico, dos distintos oficios do teatro e do funcionamento das infraestruturas de xastrería, tremoia, iluminación, son, medios audiovisuais e partes do escenario que esta fin de semana acolle as últimas funcións do espectáculo de produción propia Terceiro acto. A recepción nestas datas cobra especial relevancia, por cumprirse precisamente este mes o 25º aniversario desde que o Salón Teatro, despois da súa recuperación arquitectónica por parte da Xunta, pasara a ser a sede estable do Centro Dramático Galego coa estrea no seu escenario o 29 de outubro de 1999 da obra Se o vello Sinbad volvese ás illas, de Álvaro Cunqueiro, con dirección do italiano Fabio Mangolini.

 

O CDGLab comezou a súa andaina no curso 2020-2021 coa vontade de servir de punto de encontro entre o teatro público e o alumnado da ESAD. Ao longo destes últimos anos realizáronse diversas actividades sempre orientadas á formación e ao contacto profesional a través de visitas monográficas guiadas á sede da compañía pública, así como accións para o coñecemento dos diferentes departamentos da unidade de produción teatral da Xunta co obxectivo de ofrecer unha perspectiva práctica do traballo escénico.  

 

Nova liña de acompañamentos pedagóxicos
Este ano abrirase a liña dos acompañamentos pedagóxicos, nos que profesionais de contrastada experiencia impartirán obradoiros e guiarán os proxectos interdisciplinarios aos que se enfronta o alumnado do último curso da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. O obxectivo desta nova canle é continuar afondando no cometido de darlles aos estudantes unha visión externa e especializada da práctica laboral. As persoas responsables de impartir esta formación serán profesionais de recoñecido prestixio e traxectoria, co que se quere promover tamén o diálogo interxeracional.

 

O convidado para acompañar o alumnado no último trimestre do ano é Baltasar Patiño, director artístico, deseñador de iluminación e promotor de proxectos tan recoñecidos como foron a compañía Matarile Teatro, o Teatro Galán ou o Festival Internacional de Danza En Pé de Pedra.

 

Nas últimas edicións, o CDGLab tamén lle está a proporcionar aos participantes un espazo no que poder presentar proxectos profesionais ou de fin de estudos en formato pitching á Dirección do Centro Dramático Galego. Trátase dunha actividade na que se analiza cada unha das propostas e se lles presta asesoramento sobre vías de profesionalización. Entre os obxectivos de futuro está ampliar este tipo de presentacións diante de programadores culturais e outros axentes do sector.
 

A Xunta fomenta o encontro do alumnao de artes escénicas co exercicio profesional a través do CDG

Te puede interesar