A Xunta de Galicia e Supermercados Gadis veñen de ratificar un acordo de colaboración para promover o uso da lingua galega entre a mocidade nas plataformas dixitais. O convenio, que se desenvolverá a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, foi asinado esta mañá polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e a directora de Marketing e Responsabilidade Social Corporativa de GADISA Retail, Melisa Pagliaro.
O obxectivo deste convenio é potenciar e recoñecer o talento dos mozos e mozas que utilizan a lingua galega para crear contidos innovadores nas redes sociais, así como amosar o valor da colaboración público-privada no eido cultural e creativo. Para iso, ambas institucións lanzarán un concurso de vídeos de TikTok que se desenvolverá este verán, entre os meses de xuño e setembro, e no que se premiarán as mellores pezas compartidas en diferentes disciplinas: arte, música, audiovisual e poesía.
Esta colaboración enmárcase na programación de máis dun centenar de accións que o Goberno galego, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a CRTVG, en colaboración con numerosas empresas, como Gadis, entidades, administracións locais e editoriais, impulsan para celebrar o 60 aniversario das Letras Galegas e homenaxear a Francisco Fernández del Riego.