Estas son as seis candidatas a Palabra do Ano: De cibercarracho a feitiño

Biodiversidade, cibercarracho, cooficialidade, dereitos humanos, educación emocional e feitiño son as seis aspirantes no certame da RAG
Estas son as seis candidatas a Palabra do Ano: De cibercarracho a feitiño
Candidatas a palabra do ano da RAG

Biodiversidade, cibercarracho, cooficialidade, dereitos humanos, educación emocional e feitiño. Estas son as seis voces que optan a se converter na Palabra do Ano 2023. A partir deste xoves e ata as 23.59 horas do luns 25 de decembro, todo o público poderá votar pola súa opción favorita a través do Portal das Palabras, a páxina web de divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié

 

Todas as finalistas están relacionadas con preocupacións sociais en aumento ou acontecementos que deixaron unha fonda pegada na cidadanía por diversos motivos, e que se reflectiron de maneira reiterada na primeira fase da campaña, centrada na recolla das propostas da cidadanía, sinalan dende a RAG.

 

A preocupación polo impacto da acción humana sobre o medio natural é unha constante que se plasma no proceso de elección da Palabra do Ano, e desta volta entre as palabras finalistas figura biodiversidade, substantivo que se refire á diversidade de especies vexetais e animais dun ecosistema. O termo evoca nos últimos tempos dende as mobilizacións en Galicia contra grandes parques eólicos que poden ameazar o medio natural e social local ata o gran desafío mundial que supón o cambio climático, dúas preocupacións reiteradas na fase de recolla de suxestións. A voz créase mediante o prefixo de orixe grega bio-, que entra na formación de palabras co significado de ‘vida’, e o nome diversidade, carácter do que é diverso, de distinta índole ou especie.

 

A dixitalización da sociedade é un proceso cheo de oportunidades, pero tamén de ameazas como o incremento da ciberdelincuencia, un fenómeno que nos últimos doce meses afectou a moitos particulares e mais pequenas e grandes organizacións do país e de todo o mundo. Á persoa que comete un delito por medio das tecnoloxías da información e a comunicación chámaselle ciberdelincuente, segundo recolle o Dicionario, pero tamén está a ter certo predicamento o termo cibercarracho. Este neoloxismo de carácter coloquial permite, dende o atractivo do humor, chamar a atención sobre a necesidade de adoptar medidas de protección ante os ciberataques. A voz fórmase a partir do prefixo ciber-, que resulta do acurtamento de cibernético, e o substantivo carracho, que nomea o arácnido da orde dos ácaros do que existen varias especies e que se alimenta do sangue de mamíferos e aves, tamén denominado carracha, carraza, carrapato ou carrapata.

 

Outra finalista é cooficialidade, palabra que designa aquilo que é oficial canda outra realidade, e que no noso contexto aplicamos ao conxunto de linguas que comparten oficialidade. Con ela sinálase o paso adiante dado este ano no recoñecemento do galego e das demais linguas cooficiais do Estado ao se acordar o seu uso normalizado no Congreso dos Deputados. E chámase tamén a atención sobre os aínda pendentes para reparar a marxinación histórica do galego e da discriminación dos seus falantes, na liña do expresado pola propia RAG na declaración institucional difundida o pasado mes de novembro. O vocábulo créase a partir dun prefixo, co- e o substantivo oficialidade, que se forma sobre oficial, do latín tardío officiālis ‘propio do deber’, ‘oficioso’, ‘ministro’, ‘oficial’.

 

Neste 2023 celébranse os 75 anos da Carta Universal dos Dereitos Humanos. A campaña da Palabra do Ano rexistrou moreas de voces propostas que constitúen unha chamada á defensa do contido deste texto fundamental que está a ser vulnerado de maneira indiscriminada nos últimos conflitos bélicos que conmocionan a comunidade internacional, pero que tamén se esquece decote en calquera recuncho do planeta dende as primeiras liñas, nas que se recolle a igualdade de todas as persoas sen distinción ningunha de cor, idioma, relixión, opinión política ou doutra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición. Por iso entre as voces finalistas figura o sintagma nominal dereitos humanos.

 

Dereitos humanos é a adaptación ao galego da paremia creada pola ONU, común nas linguas da contorna: direitos humanos en portugués, diritti umani en italiano ou human rights en inglés. Fórmase co substantivo dereito, que procede do latín directus ‘liña recta’ ou ‘que segue o correcto’, e mais o adxectivo humano, pertencente ao ser humano.

 

O sintagma nominal educación emocional apareceu entre as propostas canda outras que teñen en común referirse á saúde mental da poboación en xeral e da infancia e a mocidade en particular. A pandemia supuxo un punto de inflexión na visibilización desta cuestión na conversa pública, un dos primeiros pasos necesarios para abordala de maneira efectiva. O interese nela non decaeu nestes meses e cada vez se está a falar máis da necesidade de incorporar a educación emocional a todas as etapas formativas para mellorar as relacións interpersoais, a capacidade de facer fronte aos retos que presenta a vida e o benestar persoal. O termo xurdiu a finais do século XX e foi adoptado tamén noutras linguas (éducation émotionnelle en francés, emotional education en inglés, educació emocional en catalán...). Fórmase a partir do substantivo educación, do latín educatio, e mais o adxectivo emocional, vinculado co latín emotio que, á súa vez, se relaciona con motio ‘mover’.

 

A fase de suxestións deixou ademais diversas voces que agradecen a existencia da xente que coa súa maneira de ser fai mellor a vida de quen as rodea e da súa comunidade. Mesmo se converteu nun recoñecemento das calidades humanas de persoas que nos deixaron recentemente de imprevisto a través de vocábulos que transmiten o afecto que lles temos e a pegada que deixan indeleble en nós. De entre todos eles, o elixido como finalista é feitiño, voz tradicional do galego de uso moi estendido que, fronte a formas que poderían chamarse pseudogalegas como riquiño, tamén se refire dende o léxico patrimonial a aquela persoa da que queremos destacar as súas virtudes morais e / ou físicas. A palabra vén sendo o participio do verbo facer, feito, que ten tamén ese mesmo significado, ao que se lle engade o sufixo diminutivo galego por excelencia, -iño, -a. Con el creamos tamén outra variante dun adxectivo de noso equivalente, xeitoso, que se converte así en xeitosiño.

 

Unha aplicación para xogar co Dicionario

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié animan a todo o público a participar votar pola súa finalista favorita a través do Portal das Palabras. Nas edicións anteriores a votación popular proclamou como Palabra do Ano comadre (2022), tanxugueiras (2021),  nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

Estas son as seis candidatas a Palabra do Ano: De cibercarracho a feitiño

Te puede interesar