O coruñés Héctor Pena e o noiés Manuel López reciben os premios Johan Carballeira

O coruñés Héctor Pena e o noiés Manuel López reciben os premios Johan Carballeira

O Concello de Bueu celebrou a gala de entrega dos Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo, á que asistiron os dous gañadores. Nela, Manuel López, de Noia, gañador na categoría de poesía, e Héctor Pena, da Coruña, na de xornalismo, recibiron unha cerámica de Carballeira deseñada por Cavalinho do Demo, ademais dun lote de libros.

 

Xosé Leal, concelleiro de cultura, foi o encargado de guiar o acto, e destacou que “estes premios reivindican que a lingua teña unha funcionalidade total, pois todo se pode falar e dicir en galego”. Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johan Carballeira, tamén participou coa lectura das actas dos xurados, e na súa intervención reivindicou a Carballeira, pois “cando un reflexiona sobre este home pensa nos artigos que escribiu en defensa dos mariñeiros, e en que tamén foi un poeta truncado polas circunstancias históricas”, e deu os parabéns aos premiados, pois “na lingua milítase cada día”.

 

Héctor Pena, galardoado na categoría de xornalismo pola serie – reportaxe “Historia inacabada do deporte galego”, publicada no Nós Diario, reivindicou que “o que tento é facer o deporte galego accesible a todo o mundo, mesmo ás persoas profanas; ao tempo que dignifico os triunfos e logros do deporte en todas as disciplinas, con especial atención ao deporte feminino e paralímpico”.

 

Manuel López, que recibiu o premio de poesía polo poemario 831-Urb, agradeceu ao Concello de Bueu a convocatoria deste certame e dedicoulle o galardón á súa familia. López confesou sentirse duplamente emocionado xa que “que te premien nun certame como o Johan Carballeira supón moito, pois eu son dúas cousas que el foi: galeguista e poeta, e se vivise naqueles anos eu podería ser fusilado coma el”. O noiés tamén salientou que “os certames de poesía son moi necesarios e hai demasiados poucos certames para un xénero mais minoritario aínda”.

O coruñés Héctor Pena e o noiés Manuel López reciben os premios Johan Carballeira

Te puede interesar