A astronomía centra o Proxector deste mes de novembro

Baixo o título “Unha ollada ao Universo no Día da Ciencia en Galego”, xunta unha ducia de vídeos que seguen o ronsel da celebración do XV Día da Ciencia en Galego

A nova entrega de Proxector, iniciativa de divulgación en lingua galega, promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Universidade de Santiago (USC), pon o foco este mes na astronomía.

 

Baixo o título “Unha ollada ao Universo no Día da Ciencia en Galego”, xunta unha ducia de vídeos que seguen o ronsel da celebración do XV Día da Ciencia en Galego, impulsado pola Institución Galega da Ciencia (Igaciencia).

 

“Neste mes de novembro a Institución Galega da Ciencia (Igaciencia) convida á comunidade educativa a celebrar o XV Día da Ciencia en Galego poñendo o foco nun campo de estudo tan ambicioso e complexo coma fascinante: a astronomía” incide o texto introdutorio deste especial do CCG. Esda disciplina “que actualmente non se cingue ao ámbito académico senón que esperta interese na sociedade en xeral” e pon de exemplo “a crecente demanda dos ‘destinos turísticos Starlight’, escenarios con características especialmente propicias para a observación do firmamento que son considerados tamén parte do noso patrimonio natural, paisaxístico e cultural”.

 

A astronomía e as súas perspectivas

Este Proxector achégase tamén á astrofísica, á astrofotografía, á exploración espacial, á observación astronómica ou á perspectiva de xénero a través de diferentes vídeos. Destaca un do divulgador Xabier Pérez Couto ao redor das características do ceo no outono; unha peza da área de divulgación da Universidade de Vigo sobre o que estuda a astrofísica; unha investigación realizada na USC arredor do meteorito de Traspena, “que constitúe un fito na astronomía galega” xa que é a primeira caída ben certificada dun meteorito en Galicia, ademais de ser a primeira vez na que o cálculo da traxectoria atmosférica e o da órbita heliocéntrica é realizada por investigadores galegos, concretamente da Universidade de Santiago de Compostela.

 

Tamén hai material audiovisual ao redor de mulleres pioneiras como Antonia Ferrín Moreiras, a primeira muller autora dunha tese sobre astronomía en España, xunto a ela, na charla impartida por Nuria Richer, do colectivo Ío amósanse os casos doutras mulleres que ao longo da historia “foron referentes nesta área”. 

 

A observación do amencer coma se estivésemos no planetario da Coruña, a fotografía de fenómenos astronómicos, os chamados “raios cósmicos”, as leis de Kepler, o funcionamento do sistema solar e a procura de vida fóra da Terra son as temáticas do resto de materiais audiovisuais dispoñibles. Dentro do propio especial, asemade, hai unha ligazón que da acceso a ata 60 contidos máis en relación coa temática da astronomía.

 

Proxector

Audiovisuais en galego para a docencia é un sitio web centrado en ofrecer de maneira atractiva e en lingua galega diversos materiais audiovisuais para o seu uso nas aulas de bacharelato e dos cursos universitarios. 

 

Para iso, unha vez ao mes escóllese unha temática protagonista, ao redor da cal se ofrecen para todo o público diversos vídeos elaborados por estudantes, divulgadores ou expertos sobre esta materia. O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da USC e comezou no ano 2015 dentro do portal educativo Didactalia. No 2018 o CCG, a través do CDSG, entrou na iniciativa para participar na comunicación e na edición dos contidos. Ademais, en virtude das competencias que lle son propias no coidado e difusión do idioma galego, o CCG pretende asumir a custodia destes materiais, ofrecidos a toda a sociedade espazo web dedicada a ese fin.

A astronomía centra o Proxector deste mes de novembro

Te puede interesar