As webseries “It’s fine, I’m fine” e “A arte de ser mal pai” foron as grandes triunfadoras da décima edición do festival de Contidos Dixitais Carballo interplay que pechou este sábado o telón despois de catro días de intensa actividade.
O xurado, composto por Excómplice, Burnin’ Percebes e Alejandro Rodríguez, outorgoulle a “It’s fine, I’m fine”, o premio a Mellor serie, dotado con 800 euros e trofeo, así coma o de Mellor guión, dotado con 200 euros e trofeo. O de Mellor serie en versión orixinal en galego, dotado con 800 euros e trofeo, foi para “A arte de ser mal pai” e “Pringadas”. O premio para Mellor dirección, dotado con 200 euros e trofeo, foi para a brasileña “Fake Live”, un thriller sobre as redes sociais e a identidade.
As asistentes ao Carballo Interplay tamén tiveron a oportunidade de escoller a súa webserie favorita e finalmente decidiron que a gañadora ao premio do público, dotado de 400 euros, sexa “A arte de ser mal pai”. Pola súa banda, o xurado novo, composto por Xulia Lomba, Cés e Xacobe Bruña, decidíu outorgar o seu premio, dotado con 400 euros e trofeo, a “Frangine$”, a historia de dúas irmás que deciden reencontrarse tras dez anos separadas para secuestrar ao seu pai. Tamen deron unha mención honorífica á serie checa “TBH,” que conta a historia dun instituto no que aparentemente vai ter lugar un atentado.
Reunido en Carballo o xurado composto por Xosé Regueira, Anxos Fazáns, Adrián Lede e Sonia Méndez decidiu outorgar o Premio ao mellor proxecto de webserie en galego, dotado con 3.000 euros para a produción dos tres primeiros capítulos, a “A moza que abortou e o contou”, de Eire Cid, Rosalía Quiroga e Cora, un falso documental que narra a través da pantalla dun móvil a historia dunha rapaza que decide contarlle á súa familia a súa decisión de abortar. A serie estrearase na próxima edición do Carballo Interplay.