Carballo abre un intenso programa das Letras Galegas con teatro, música e literatura

Carballo abre un intenso programa das Letras Galegas  con teatro, música e literatura
Vagalume, nunha actuación do ano pasado / Marema

O Concello de Carballo preparou un intenso programa das Letras Galegas, que comezaba o pasado mércores cun contacontos e que este venres leva ao Pazo da Cultura a representación de “Flores de Ferro 2.0”, a cargo da Escola de Teatro Melandrainas, nun evento organizado pola Deputación. Será ás 21.00 horas con entrada libre ata completar aforo.


O vindeiro mércores día 10 será o turno para A Xanela do Maxín con “U-la lúa?”, en sendas sesións ás 17.00 e 18.30 horas na biblioteca Rego da Balsa. O sábado 13 a asociación xuvenil Arume organiza no seu local social de Berdillo a XXVI edición dos Encontros Culturais Arume, cunha foliada dos cativos. Será ás 18.00 horas.


O luns 15 haberá unha xuntanza de rapaces de Carballo para cantar “Apaga o Candil”, en lembranza a Carlos O Xestal. Será na Praza do Concello ás 11.30 horas nun acto presentado por Xosé Ramón Gayoso e coa actuación de @s Jaloch@s e Escola do Alprende.


O propio Día das Letras, o 17 de maio, haberá unha serie de actos na rúa (no Mercado, en caso de choiva). A xornada comenzará cun pasarrúas da Banda de Gaitas Municipal a partir das 11.00, hora na que arrancarán os actos no xardín municipal. A primeira actividade será o tradicional concurso infantil de pintura e  debuxo Luis Calvo, que chega á súa 41º edición organizado pola AC Lumieira. A continuación, Inacio Vilariño ofrecerá o espectáculo de monicreques “A viaxe feliz de Ramón San Fiz”. Ás 12.30 horas actuará a Escola de Regueifa de Carballo, para pechar a mañá co concerto da Banda de música do Conservatorio na rúa Coruña.


A programación continuará o xoves 18 coa inauguración da exposición “O curtidoiro José López Jolope”, no Pazo da Cultura (20.00 hora). O día 20 (18.00) terá lugar a presentación-coloquio do libro “Misterios e encantos de Bergantiños”, de Juan Félix Neira Pérez. O día 24 haberá un contacontos interactivo con ioga de Ana Prieto, na biblioteca Rego da Balsa (18.00 horas).


O sábado 27 Vagalume Animación representará no Pazo da Cultura as obras “Monstros vs pantasmas” e a “Máquina do tempo” (17.00 horas) e “Suspéndese a función” e “Tic Toc” (21.00 horas). Ese mesmo día Arume organiza en Berdillo unha xuntanza de acordeón.


O luns 29 haberá un concerto curiosidades coa orquestra e coro do Conservatorio; e o día 31 un concerto homenaxe a Eduardo Coma. Ambos actos serán no Pazo ás 19.00 horas. 

Carballo abre un intenso programa das Letras Galegas con teatro, música e literatura

Te puede interesar