Cances festexou as Letras con música e literatura

Cances festexou as Letras con música e literatura
Participantes na presentación do libro de Marta Villar en Cances

A parroquia carballesa de Cances elixiu a literatura e a música para festexar as Letras Galegas nun acto celebrado o pasado domingo no centro social da localidade, organizado pola asociación San Campio, en colaboración co Concello. A xornalista malpicá Marta Villar presentou o seu primeiro libro infantil (o segundo da autora), “Os peidos máxicos de Sultán”, unha divertida historia chea de fantasía, con humor escatolóxico e tamén moito amor polos animais. Na presentación estiveron varios nenos, que se amosaron moi interesados nas historias deste can que parece ter poderes máxicos.

 

Máis citas culturais


A xornada festiva completouse coa música da moza da localidade Marta Méndez, que axudou a animar a xornada. A cita cultural está incluída na programación das Letras Galegas no Concello de Carballo, que tivo o 17 de maio o seu día grande, coa música como principal protagonista. Durante esta semana continúa a programación das Letras e a próxima cita será este xoves 23 cunha visita guiada pola exposición do XXVI Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, no Pazo da Cultura, a cargo do fotógrafo e membro do xurado Ángel Cordero. 


O venres 24 darán comezo as funcións de teatro afeccionado con Vagalume Animación e os espectáculos “Airgbag”, “Non ao peche do hospital” e “Noivo ideal”. As funcións teatrais continuarán durante os vindeiros días. 


Na xornada do sábado 25 volverán as actividades festivas co II Encontro de Acordeóns en Verdillo e tamén cun novo concerto do Curruncho Pop na biblioteca Rego da Balsa. Aquí soará a música de Os Chiltons e presentarase o libro de Álex Chilton e Antonio J. Moreno. 

Cances festexou as Letras con música e literatura

Te puede interesar