A Costa da Morte encheuse de música, baile e Letras para festexar este 17 de maio e honrar a Luísa Villalta, unha muller comprometida coa súa terra e coa súa lingua, que se adicou á docencia e á música de forma profesional, tal como se lembrou en diferentes actos. Aínda que a choiva obrigou a cambiar os escenarios de prácticamente todos os eventos previstos para esta xornada, isto non foi impedimento para que a comarca celebrase por todo o alto a gran festa da cultura galega, con múltiples actividades dirixidas a todos os públicos.
En Carballo as Letras ateigaban o mercado municipal, onde a música foi a principal protagonista da xornada. A Banda Municipal de Gaitas foi a encargada de abrir os actos festivos e de pechalos ao mediodía coa interpretación do himno galego, acompañada da Banda Municipal de Música.
Durante a mañá achegouse a figura de Luísa Villalta aos máis pequenos co contacontos de Manuela Varela, “As verbas de Luísa”, a rapazada aprendeu a bailar a muiñeira con Pablo Díaz e tamén participou no concurso de debuxo e pintura Luis Calvo Sanz, organizado desde hai máis de corenta anos pola asociación cultural Lumieira. As actividades arredor das Letras Galegas continuarán mañá domingo na capital de Bergantiños.
A música e o talento local tamén foi protagonista na Escola de Vela de Cabana, onde se celebraron os principais actos. O alumnado das escolas municipais de teatro e ximnasia rítmica honraron a figura e o legado de Luísa Villalta con exhibicións das súas respectivas disciplinas. As corais de Cesullas e de San Martín de Canduas, xunto coas mulleres integrantes da agrupación Son de Cabana, foron as responsables de poñer voz e melodía aos versos de Villalta.
Dende o Goberno local celebraron “a boa acollida un ano máis desta actividade, a cal dá mostra do compromiso da nosa veciñanza coa promoción da nosa lingua, tanto no seu emprego diario como a través das manifestacións culturais”. Para rematar a xornada, o alumnado da escola municipal de teatro clausuraba o curso cun espectáculo que encheu o auditorio.
En Fisterra, Trémola Teatro presentou o espectáculo “A nena do violino e a poesía” para honrar a Luisa Villalta. Ademais, a Comisión de Festas San Vicente de Duio aproveitou a xornada festiva para inaugurar a biblioteca rural da escola de Vilar de Duio.
A Fundación Pondal de Ponteceso celebrou o Dezasete coa entrega dos Premios Bos e Xeneorosos no Couto, que neste ano recaeron en Yolanda Castaño, Anxo Angueira, Jaime Izquierdo, Guillerme Fernández e a Fundación Uxía Novoneyra. O director xeral de Familia, Jacobo Rey, acudiu ao acto, onde destacou o traballo da entidade.
Na Laracha o acto central das Letras será este sábado co concerto de De Vacas, e o domingo haberá un espectáculo de música e baile tradicional. En Corcubión, se o tempo o permite tamén celebran houxe unha Procesión da Cultura, con saida da Casa de Cultura e remate no Campo do Rollo, con varias paradas, e a música das gaiteiras de Pedras Miúdas.