A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo recentemente unha reunión co alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, na que abordaron varias cuestións en materia de saneamento.
Así, avaliaron o estado tanto da estación de tratamento de auga potable (ETAP) como da estación depuradora de augas residuais (EDAR) e analizaron a posibilidade de que persoal técnico de Augas de Galicia visite ambas instalacións para colaborar no deseño de posibles alternativas que melloren o servizo que ofrecen á cidadanía.
A maiores, o rexedor informou á conselleira do proxecto municipal para ampliar a rede de saneamento nos lugares de Casaldabade, Piñeiro e Bedobre, que conta cun orzamento estimado inicial de algo máis de 250.000 euros. Ángeles Vázquez trasladoulle a Antonio Pereiro que Augas de Galicia estudará o proxecto de cara a establecer posibles vías de colaboración para acometelo.
A conselleira incidiu en que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á s súa veciñanza.