Xabier Díaz rende homenaxe ás cantareiras protagonistas das Letras Galegas 2025

O músico coruñés lanza unha colección con 54 mostras de recollidas entre 1989 e 2011

O coruñés Xabier Díaz, recoñecido músico e investigador da tradición galega, presenta unha colección única de 54 vídeos que recollen o patrimonio inmaterial das cantareiras galegas, un traballo realizado entre os anos 1989 e 2011. A iniciativa, que coincide coa dedicatoria das Letras Galegas 2025 ás cantareiras e ao patrimonio oral transmitido de xeración en xeración, é unha homenaxe ao labor e á xenerosidade de todas as persoas que gardaron e compartiron a riqueza da nosa música e baile tradicionais, sinala o artista.


Naqueles anos, Díaz uníase a un grupo de compañeiros que dedicaban as fins de semana -e posteriormente o tempo de vacacións, de Nadal…- a percorrer parroquias en busca de tradición oral e musical. “Foi moi impactante”, sinala Xabier, “porque os que estabamos no folclore pensabamos que o folclore era unha sorte de testamento da tradición, e a miña sorpresa foi darme conta de que non formaba parte dun testamento, senón que era algo que estaba vivo, que fluía e que estaba en permanente transformación, como segue estando ata o día de hoxe”.


Empezou a ter un contacto con ese mundo moi estreito e intenso e que lle fixo reflexionar respecto da tradición, da musica do baile e tamén que o converteu nunha especie de aventureiro, como el sinala "case de personaxe dunha novela de Xulio Verne" ao que lle van acontecendo todo tipo de anécdotas e circunstancias. Foi para Xabier unha auténtica revelación; o coñecemento que transcendía o musical, converténdose, como di, “nunha escola da vida”.


As gravacións realizáronse de forma extensa en toda Galicia, percorrendo as catro provincias, e tamén noutros territorios limítrofes como os Ancares Leoneses, Zamora ou Asturias. Visitaron parroquias e volveron a outras especialmente fértiles como Bergantiños, Mondariz, Soutomaior, Os Ancares ou o sur de Ourense. Nun total de arredor de 500 entrevistas, atoparon persoas que lles indicaban novos nomes de cantareiras, bailadoras e bailadores e músicos, alimentando así, de xeito natural, unha rede de coñecemento que excedeu as propias fronteiras galegas.


Os vídeos, que mostran diferentes manifestacións do folclore local, inclúen instrumentos característicos de cada zona: as tixolas en Ourense, as latas nas zonas de montaña, as pandeiras nos Ancares ou os pandeiros en Pontevedra e Soutomaior. “Todo o material que iamos gravando, clasificábamolo e ao mesmo tempo era o que lle amosábamos á xente que ía as aulas”, indica Díaz que naquel momento era docente.


“A publicación destas mostras son unha sorte de homenaxe, de celebración e de gratitude polo que toda esa xente nos regalou”, explica Díaz. “É un xeito de perpetuar a súa xenerosidade e dar a coñecer todo ese saber e patrimonio”. 

 

Este ano, no que as Letras Galegas se dedican ás cantareiras, resulta o momento ideal para Xabier Díaz para presentar esta colección, "feita con todo o cariño e respecto", e que destaca o papel das mulleres na transmisión da tradición oral e musical ao longo das xeracións.


Os vídeos serán difundidos nas redes sociais de Xabier Díaz cada venres ao longo de 2025, nunha acción que permitirá mostrar semana a semana o legado das cantareiras e poñer en valor a súa contribución á cultura galega. Este proxecto busca achegar o patrimonio cultural galego ao público contemporáneo, demostrando que a tradición segue viva e que, a través das redes, se pode continuar ampliando esa “escola da vida” que tanto marcou ao músico.


Un proxecto que non só é unha homenaxe, senón tamén un elo máis na cadea de transmisión cultural que conecta xeracións e que fai da memoria compartida unha celebración do futuro.

Xabier Díaz rende homenaxe ás cantareiras protagonistas das Letras Galegas 2025

Te puede interesar