A Real Academia Galega ofrece dende hoxe na Rede unha ferramenta coas denominacións unificadas de máis de 600 especies diferentes de aves. A nova sección da web institucional é froito do traballo conxunto de ornitólogos e lingüistas e permite realizar procuras polo nome galego, o científico ou a familia á que pertence cada ave, acompañada en moitos casos de fotografías que reforzan o seu carácter divulgativo.
A listaxe resultante dálles preferencia ás denominacións patrimoniais, moitas delas documentadas dende a Idade Media e presentes no refraneiro, como bubela, carrán, choia, corvo mariño, cotovía, mazarico, miñato, paíño, pardela, pega ou rola /rula. Corrixiu ademais castelanismos de propostas previas e para a toma de decisións tamén considerou formas existentes noutras linguas europeas, de maneira especial (aínda que non só) nas da nosa contorna cultural.
A ferramenta presentouse este xoves nun acto no que interviñeron o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o responsable do Seminario de Terminoloxía, Manuel González González, coordinador do equipo académico da comisión que traballou na proposta unificada de nomes; e Silverio Cerradelo Gómez (A Chave, Galego, lingua de calidade) e Cosme Damián Romay Cousido (Grupo Naturalista Hábitat), coordinadores, xunto con X. M. Penas Patiño, do equipo de ornitólogos.
O presidente da RAG agradeceu o traballo realizado polo equipo interdisciplinario composto por Fernando Álvarez-Balbuena (Universidade de Oviedo), Silverio Cerradelo, Serafín J. González Prieto (Sociedade Galega de Historia Natural e Misión Biolóxica de Galicia), Rafael López Loureiro (Ao noroeste do Noroeste), Xosé M. Penas Patiño, Cosme Damián Romay, Jesús Taboada Martínez (Sociedade Galega de Ornitoloxía) e mais, por parte da RAG, Marilar Aleixandre, María Dolores Sánchez Palomino, Francisco Fernández Rei, Antón Santamarina e Manuel González. Víctor F. Freixanes destacou tamén a colaboración desinteresada de fotógrafos na cesión de imaxes de aves para a ferramenta web, realizada pola RAG co apoio económico da Xunta de Galicia e do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. No buscador ofrécese ademais unha publicación en PDF que detalla os criterios metodolóxicos empregados, a bibliografía consultada e a listaxe.
A lingua galega é extraordinariamente rica en denominacións de aves e son moi frecuentes os casos de paxaros que se coñecen con varios nomes nas diversas zonas do territorio. “Para a Coturnix coturnix, amais do nome máis estendido paspallás, coñecemos arredor doutras 50 denominacións”, pon como exemplo Manuel González, quen salienta que esta pluralidade de designacións conforma un patrimonio cultural que debe ser preservado.
Pero isto, unido ao tamén frecuente feito de que un mesmo nome designe aves diferentes segundo as zonas do país, pode xerar certa confusión que cómpre evitar na linguaxe técnica e científica, explica. Por iso a proposta que recolle o buscador ofrece un único termo estandarizado para cada ave, na liña dos traballos feitos noutros idiomas e vocabularios especializados, e atendendo a demanda do mundo da ornitoloxía, onde xurdiron desde os anos 70 do século pasado varias listas, redactadas unhas veces por persoas individuais e outras por colectivos.
O Seminario de Terminoloxía promoveu a finais de 2019 a formación da comisión interdisciplinaria encargada desta nova achega á procura dunha relación de denominacións consensuada e definitiva, que bebe en todo caso do traballo previo levado a cabo pola ornitoloxía galega especializada. “A comisión veu traballando ininterrompidamente, pandemia por medio, ata lograr este acordo que estou seguro de que vai ter unha ampla aceptación social, porque está avalado non só pola RAG, a institución que ten por lei o deber de modernizar e actualizar a lingua, senón polos especialistas máis prestixiosos da ornitoloxía de Galicia”, valora Manuel González.
“Esta lista de nomes galegos para as aves de Galicia e España vén solucionar un problema que duraba xa décadas, pois non existía unha lista padrón unanimemente aceptada polos distintos colectivos naturalistas”, considera Cosme Damián Romay Cousido. “Hai moitas horas de traballo detrás da súa elaboración, pero son apenas unha fracción das horas dedicadas á recolla no campo de denominacións vernáculas en galego e á revisión bibliográfica”, valora.
Para a listaxe unificada consideráronse todas as denominacións patrimoniais das aves presentes na bibliografía lexicográfica galega e mais as recollidas por diversas persoas especialistas en ornitoloxía e filoloxía nas diferentes áreas do territorio de fala galega, incluído o coñecido como galego exterior de Asturias, León e Zamora.
Nos casos en que foi preciso escoller unha forma patrimonial sobre outras, déuselles preferencia ás maioritarias no territorio galego. Isto explica, entre outras solucións, a elección de noiteboa fronte a avenoiteira para as especies do xénero Caprimulgus; ou no caso de variantes moi parecidas, a preferencia por anduriña fronte andoriña ou merlo antes que melro. Na procura da especificidade, a ornitoloxía xa hai tempo que fixo tamén escollas de certos nomes populares como liñaceiro antes que o sinónimo nabiñeiro para os paxaros dos xéneros Acanthis e Linaria ou a devandita forma paspallás antes que sinónimos como codorniz.
Silverio Cerradelo pon ademais o acento na depuración de certas denominacións empregadas ata o momento no mundo da ornitoloxía por seren castelanismos. “O nome tordo ‘charlo’ de Turdus viscivorus, por exemplo, reformulámolo para o galego como tordo visgueiro, porque se alimenta de visgo; e desbotamos tamén o de malvasía de cabeza branca para o pato Oxyura leucocephala, que reformulamos como raboalzado de cabeza branca”, detalla.
Ambos os casos que expón o ornitólogo son exemplo de como as denominacións portuguesas serviron como elemento de corrección. Outro sector onde foi importante a contribución da lusofonía é o das aves exóticas suramericanas ou africanas, presentes no Estado español de maneira ocasional ou asentadas recentemente procedentes de cativerio. Optouse así por bico de lacre en lugar de pico de coral para os paxaros do xénero Estrilda; ou a forma catorra fronte a cotorra para as dúas especies xa amplamente establecidas en Europa: catorra arxentina (Myiopsitta monachus) e catorra de Kramer (Psittacula krameri).
O vocabulario da ornitoloxía galega inclúe tamén préstamos doutras linguas afastadas. O nome éider co que se designan algúns patos mariños é un préstamo do islandés æthar ou do sueco ejder, que tamén foi adoptado por moitas linguas romances. Outro préstamo tomado de linguas nórdicas para o galego é o de havelda, que se incorpora á listaxe unificada como novidade para o pato mariño Clangula hyemalis.