Fillas de Cassandra publica Quebrantarse, un chamado á recuperación da memoria colectiva e contra o tempo arrebatado pola guerra

Fillas de Cassandra publica Quebrantarse, un chamado á recuperación da memoria colectiva e contra o tempo arrebatado pola guerra
Sara Faro e María SOA son Fillas de Cassandra / Arancha Brandón

Quebrantarse, o segundo fascículo do EP Hibernarse de Fillas de Cassandra, xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais. A nova entrega do dúo vigués versa sobre o tempo fragmentado pola guerra. A intención de María SOA e de Sara Faro non é outra que recuperar a memoria colectiva fronte a unha liña temporal marcada pola historia oficial e poñer voz a unha ferida que segue aberta.

 

Quebrantarse agroma da memoria persoal e familiar, mais tamén da colectiva e universal. Preséntase como unha conversa entre dous amigos que, caídos en bandos enfrontados durante a Guerra Civil, e sendo vítimas dun sistema que os condenou a unha violencia que non escolleron, se despiden ante a inminente morte dun deles ás mans do outro. "Cóntame o teu segredo / cóntamo, que eu xa mo sei", canta Fillas de Cassandra sobre unha verdade que non precisa ser dita: os dous amigos saben o destino que os agarda, mais poñelo en palabras significa darlle forma ao horror.

 

Parte da melodía deste Quebrantarse inspírase no Romance do Comandante Moreno, segundo a versión que interpreta Severina Murias, unha elección que entronca coa idea que Fillas de Cassandra quere poñer en valor: o papel da muller na transmisión da tradición oral galega, onde a música foi un vehículo de resistencia e memoria colectiva. Ao fío, Sara Faro e María SOA incorporan a gaita (Adrián Méndez, De Ninghures) á instrumentación do tema para unilo, precisamente, coa zona da Fonsagrada (lugar onde teñen lugar os feitos que Severina relata).  

 

A peza, producida por Greta Ch’aska, Mumbai Moon e Fillas de Cassandra, acompáñase tamén do son do remexer da terra e muda o compás final, deixándoo en suspensión, como metáfora do apremio da morte. E no retrouso do tema, o dúo recupera versos de Yerma, de Federico García Lorca: "E sostén este corpo de terra / até o branco xemido da alba".

 

Desde xeito, e nesta segunda entrega de Hibernarse, Fillas de Cassandra aborda a fragmentación do tempo a través da perda da memoria colectiva. “Fronte ao tempo da historia oficial, só fica a memoria. A Guerra Civil e as súas feridas foron relegadas a un pasado edulcorado ou silenciado, convertendo os eventos en imaxes descontextualizadas que afastan as xeracións actuais da súa realidade”, explica o dúo vigués, que aposta por poñer voz a unha ferida que segue aberta.

 

Hibernarse, o universo multiformato de Fillas de Cassandra

Hibernarse é o novo proxecto híbrido, multiformato e singular no que Fillas de Cassandra reflexiona sobre o concepto do tempo a través de diferentes prismas e disciplinas artísticas. O núcleo desta proposta componse dun EP de catro temas que o dúo dará a coñecer, semanalmente, desde o 20 de marzo ata xoves 10 de abril. Será daquela cando o público poderá descubrir todo o que se agocha baixo o paraugas deste novo traballo, que se publicará da man de Tremendo Audiovisual e Altafonte, e que se poderá reservar, proximamente, a través da páxina web www.altafonte.com.

 

Hibernarse é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado paseniño e con esmero por María SOA e Sara Faro. Logo de dous anos de crecemento como grupo, Fillas de Cassandra pecha unha etapa reflexionando sobre a construción social do tempo e cun chamado á pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais.

 

A través deste proxecto, Fillas de Cassandra inicia a busca dun novo traxe e lanza un convite ao público: construír á man e fiar peza a peza, semanalmente, o universo Hibernarse, un traballo conceptual no que o dúo converte en reflexivos verbos que non o son para se observaren desde ángulos non explorados até o de agora. 

Fillas de Cassandra publica Quebrantarse, un chamado á recuperación da memoria colectiva e contra o tempo arrebatado pola guerra

Te puede interesar