Bela Furtiva, a exclusiva marca de deseño galego de mobiliario e accesorios, abriu hoxe a súa primeira pop up store no centro de Carballo. A tenda efímera manterase aberta ata o 30 de xuño, en horario de maña e tarde (de 11 a 15 e de 16 a 20) na rúa Desiderio Varela, 9, esquina coa rúa Colón.
Será a primeira vez que se poidan ver e tocar os mobles de Bela Furtiva nun espazo aberto ao público, xa que ata o de agora, a firma premium galega traballaba exclusivamente o formato de exposición con cita previa. Bela Furtiva desembarca en Carballo con catro coleccións: dúas inspiradas na vila –Fenta e Aymat– e dúas máis que estrean en primicia, Lagoa e Faíscas. Aymat está adicada a Jorge Varela, carballés e curmán de Xema Varela falecido hai uns anos.
“Estamos seguras de que a xente que nos visite se vai sentir identificada con algunha das nosas pezas, porque representan pequenas doses de cultura galega traducidas a unha linguaxe contemporánea”, valorou Xema Varela, directora de Bela Furtiva.
E aproveitando que este espazo permanecerá aberto durante todo o mes de xuño (coincidindo co San Xoán), Bela Furtiva prepara a súa propia chiscadela a esta celebración: unhas novas bolsas tote en liño estampado artesanalmente con motivos de flores do cacho de San Xoán.
“Decidimos facer a tenda efémera en Carballo porque foi alí onde nos inspiramos para atopar eses primeiros referentes de mulleres belas furtivas que loitaron contra as convencións sociais que as relegaban a un segundo plano”, explicou Xema Varela: “Coa idea en mente de rendirlles tributo, e empapándonos das paisaxes salvaxes e da arquitectura racionalista de Carballo, naceu a nosa primeira colección, denominada Fenta”.