O festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay abriu este mércores o pano da súa décima edición na que volve ser o epicentro da creación galega e en galego. O festival comezou coa proxección das pezas da primeira edición de Dinoescolas, un proxecto pensado para fomentar a creación galega e en galego entre a mocidade galega. Foron seleccionadas seis creacións, do IES Máximo Romero de Lema, Val do Asma, A Cachada e a escola de Imaxe e son, e as gañadoras do certame foron “Desconectados” e “Flipped Classroom”.
Xusto despois, deu comezo o primeiro show, a estrea en exclusiva de “Dando a Turra”. Este talk show feito á galega foi presentado por Belén Puime e Uxía Vazquez, con convidadas da talla de Miguel Canalejo, Hydn, Xulia Lomba e Eira. Nesta conversa entre amigas, os temas máis recurrentes foron as preocupacións polo futuro, a precariedade laboral e a importancia dos coidados.
Este xoves haberá un amplo programa durante toda a xornada centrada novamente no talento galego nas webseries e nas redes sociais. A primeira hora, María Yáñez, gran coñecida do festival, fará un repaso da historia da internet galega en “O outro lado da pantalla”.
Despois, será a segunda edición de “Petiscos no Derby”, a versión en directo do podcast Café Derby, dirixido por Carme D. Pol, Adrián Lede e Nico Carreira. Nesta ocasión, estará o mellor da internet galega, as tiktokers Sara Seco, Totakeki e Meryfos e Sara e Marcos, do proxecto “Todo Mal”.
Xa pola tarde, a partir das 17 horas, comeza o turno das webseries, co primeiro bloque da Sección Oficial, “Movidas Humanas”. Ás 18.30 horas chega o turno do pitching de proxectos de serie web en galego. Media hora despois, chega o momento da estrea do proxecto gañador do ano pasado, a webserie “Mentres non chova”. ÁS 23 horas o Carballo Interplay proxecta unha recompilación das webseries máis gamberras que se proxectaron nos dez anos de vida do festival.