A Concellaría de Normalización Lingüística de Carballo convida a mocidade a reflexionar sobre a obra “Sempre en Galiza”, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, con motivo do seu 80 aniversario. Os participantes poderán debater sobre os cambios que se produciron desde que o autor escribiu esta obra de referencia do pensamento político, especialmente en materia de lingua.
O acto reunirá a un grupo moi diverso de mocidade carballesa como Gabriel Rodríguez Colferai, Venancio Serrano Lorenzo, Anxo Carracedo, Carolina Carreira Pacoret, Laura Méndez Rodríguez, Hadrián García Pérez e Ana Vázquez García, que será a moderadora. O encontro será nas Escolas do Xardín Agra de Caldas o venres 29 de novembro ás 18.30 horas, con participación libre.
A partir dese día tambén pode visitarse no mesmo espazo unha pequena exposición de homenaxe ao Castelao debuxante e humorista gráfico cunha escolma de viñetas.