Carballo "doa" voces en galego

Carballo "doa" voces en galego
Participantes na iniciativa do Proxecto Nós I Marema

A aula Cemit do Pazo da Cultura de Carballo acolleu este venres unha xornada de “captación de voz” en lingua galega no marco do Proxecto Nós, que ten como principal obxectivo que o noso idioma non quede excluído dos novos movementos dixitais que se levan a cabo. Numerosas persoas acudiron durante toda a xornada ás instalacións para grabar as súas voces, que logo serán utilizadas únicamente para este proxecto.


A iniciativa permitirá desenvolver diferentes tipos de ferramentas, totalmente compatibles coa lingua galega, como sistemas de síntese de voz, de recoñecemento de fala, de xeración automática de texto, de diálogo ou axentes conversacionais, de tradución automática de tipo neuronal, de extracción de información e minaría de textos, resumidores automáticos ou correctores lingüísticos automáticos, entre outros.


Grazas a este traballo, lograrase que todo tipo de máquinas e dispositivos electrónicos poidan “entender” e “falar” a nosa lingua e que, polo tanto, calquera galego poida empregar con normalidade o seu idioama en calquera ámbito tecnolóxico, como cando falamos cos asistentes Siri ou Alexa, empregamos o GPS do coche, entre outros. 


O Proxecto Nós está impulsado dende a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago. Carballo foi un dos 16 concellos galegos seleccionados para participar na iniciativa. Na zona tamén foron elixididos os municipios de Fisterra e Santa Comba co mesmo obxectivo. 

Carballo "doa" voces en galego

Te puede interesar