Carballo asume a presidencia de Alingua co obxectivo de aumentar o uso do galego

Carballo asume a presidencia de Alingua co obxectivo de aumentar o uso do galego
O salón de plenos acolleu a reunión da asamblea | cedida

O Concello de Carballo asumiu o martes a presidencia da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega (Alingua), durante unha asemblea xeral que reuniu a representantes de catorce municipios galegos no Concello. Este novo mandato, que se estenderá durante os vindeiros catro anos, ten como principal reto liderar accións encamiñadas a promover o uso do galego e aumentar o número de falantes nun contexto no que o futuro da lingua está nunha encrucillada.


Na reunión celebrada en Carballo participaron os concellos da Baña, Betanzos, A Coruña, Ames, Moaña, Narón, Pontevedra, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra e Vilagarcía de Arousa. Nesta primeira sesión baixo o liderado de Carballo, aprobáronse as liñas de actuación que marcarán a axenda de Alingua ata finais de 2024 e de cara ao próximo ano 2025.


A presidencia de Alingua recae agora en Ramón Varela, concelleiro de Carballo, quen substitúe aos anteriores responsables da entidade. Xunto a Varela, a nova xunta directiva está composta por María Dolores Chapela Pérez, de Moaña, como vicepresidenta; Demetrio Gómez Xunqueira, de Pontevedra, como secretario; e Gonzalo Henrique Castro Prado, da Coruña, como tesoureiro. Completan a directiva os vogais María del Carmen Lorenzo Tojeiro, de Narón; Victoria Quiroga Ramallo, de Rois; e María Barral Varela, de Betanzos.


Durante a sesión, tamén se fixo un repaso ás actividades que Alingua desenvolveu ao longo de 2023. Entre as máis destacadas atópase a campaña ‘É túa. Pásaa!’, que incluíu un vídeo musical protagonizado por Fátima Pego e Grande Amore, ademais de material promocional e o gran reto, unha serie web en formato de vídeo blog.


Outro dos proxectos sinalados foi o Catálogo de Referentes, que inclúe a personalidades relevantes como a carballesa Verónica Bolón, Premio Nacional de Investigación 2024. Este catálogo compleméntase cunha unidade didáctica que está dispoñible para todos os centros educativos de Galicia.


En canto á Cartografía Sensorial, esta iniciativa permitiu personalizar paisaxes sonoras en varios concellos. No caso de Carballo, os veciños puideron gozar de gravacións nas que participaron un pintor do Renexa Fest e o concelleiro Juan Seoane xunto á súa familia, destacando a riqueza lingüística da zona.


Para 2025, a nova xunta directiva de Alingua xa mantivo unha primeira reunión con Rosario Álvarez Blanco, presidenta do Consello da Cultura Galega, coa intención de desenvolver actividades conxuntas que reforcen a promoción do galego. Esta colaboración poñerase en marcha en breve, e segundo indicouse durante a asemblea, foi ben recibida polo Consello.


Carballo, que exercerá a presidencia de Alingua durante o próximos catro anos, ten como obxectivo desenvolver iniciativas que aumenten o número de falantes de galego, nun momento crítico para a lingua. Segundo destacouse na asemblea celebrada o martes, a enquisa recente do Instituto Galego de Estatística (IGE) reflicte un descenso no uso do galego, o que converte en esencial a promoción activa da lingua. 

Carballo asume a presidencia de Alingua co obxectivo de aumentar o uso do galego

Te puede interesar