Carballo, Fisterra e Santa Comba participan nunha xornada de “captación de voz” en lingua galega, promovida pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, no marco do “Proxecto Nós” e coa colaboración dos concellos. No caso carballés, será o vindeiro 8 de novembro na Aula Cemit, situada no Pazo da Cultura en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00. Todas as persoas que participen recibirán un libro e unha libreta de agasallo pola súa colaboración.
Nós (www.nos.gal) é un proxecto impulsado pola Xunta (a través da Secretaría Xeral de Lingua e Amtega) e a Universidade de Santiago (USC). Ten como obxectivo que a lingua galega non fique excluída de ningún dos novos desenvolvementos dixitais. Para isto, estase a realizar un importante traballo que permitirá desenvolver diferentes tipos de ferramentas, totalmente compatibles coa lingua galega, como: sistemas de síntese de voz, de recoñecemento de fala, de xeración automática de texto, de diálogo ou axentes conversacionais, de tradución automática de tipo neuronal, de extracción de información e minaría de textos, resumidores automáticos ou correctores lingüísticos automáticos, entre outros.
Grazas a ese traballo lograrase que todo tipo de máquinas e dispositivos electrónicos poidan “entender” e “falar” o galego e que, polo tanto, os galegos poidan empregar con total normalidade a súa lingua en calquera ámbito tecnolóxico. Así, por exemplo, cando se lle da unha orde ao GPS do coche, ao falar cun asistente de voz ou para pedir unha cita no médico.