A Costa da Morte súmase este 17 de maio á Festa das Letras que se celebra en toda a comunidade para homenaxear a figura deste ano, Francisco Fernández del Riego. Aínda que durante estes días están programadas actividades moi diversas, a música tradicional é a principal protagonista nesta xornada festiva.
Onte a noite xa abría o cartel festeiro o grupo Luar na Lubre na Laracha, nun concerto enmarcado dentro da programación das Letras Galegas.
Carballo convértese no epicentro da actividade cultural durante esta xornada. Se o pasado luns na Praza do Concello se cantaba o “Apaga o candil” máis longo da historia, en tributo a Carlos Díaz, O Xestal, este martes volverá a soar a súa música case no mesmo escenario. A Banda de Música de Carballo ofrecerá o Concerto das Letras ás 13 horas na rúa Coruña e interpretará a canción máis coñecida do Xestal, entre outras pezas de compositores galegos.
A Banda Municipal de Gaitas xa iniciará os pasarrúas ás once da mañá pola localidade, o que marcará o comezo da xornada festiva. A continuación, haberá monicreques con Inacio Vilariño, “A viaxe feliz de Ramón San Fiz”, e seguirá a Escola de Regueifa de Carballo cunha nova actuación. Durante a mañá tampouco faltará o tradicional concurso infantil de pintura e debuxo Luís Calvo, que tamén terá lugar na praza.
As actividades do programa das Letras continuarán mañá, e a fin de semana con exposicións libros e máis música.
Tamén en Cee a música tradicional encherá as rúas da localidade neste día. A partir das 12.30 horas haberá animación da man da Asociación Cultural Pedras Miúdas de Lires, Mestura Folk e Nin chica nin patacón.
En Fisterra, a mediodía na Praza da Constitución o dúo de piano e voz Cristian Leggiero e Paty Lesta, interpretarán un repertorio rendendo homenaxe á música tradicional galega, con cantos de labor, Alalás ou poemas musicados. En Vimianzo, este martes Luís Vallecillo presentaba “Cantares das Letras”, nun espectáculo dirixido aos escolares.
En Coristanco haberá o roteiro literario Asunción Antelo para lembrar a Rexubeira de Bergantiños neste 17 de maio.