O Consello da Cultura Galega, dentro do seu proxecto Álbum de Galicia, acaba de incorporar a entrada biográfica de Adolfina Casás Rama e a súa sobriña Rosa, coñecidas como as Cantareiras de Cerceda, que este ano son homenaxeadas no Día das Letras Galegas. A entrada na que se recolle o seu legado foi escrita por Richi Casás, neto e afillado das cantareiras.
Estas mulleres foron labregas e cantareiras, aínda que nunca actuaron para o público xeral, soamente para familiares e veciños. As dúas foron entrevistadas por Dorothé Schubarth para o Cancioneiro Popular Galego.
As dúas mulleres tiveron vidas con grandes paralelismos. Ambas foron fillas de solteira, aprenderon a tocar e cantar de man de mulleres da familia, foron labregas e lavandeiras. As dúas foron tamén nais solteiras. Rosa tivo catro fillos e Adolfina tres, e ningún deles seguiu coa música tradicional, aínda que aprenderon a tocar e bailar nas foliadas. Segundo explica Richi Casás na entrada, isto débese a que a xeración das fillas de Rosa e Adolfina estivo marcada pola emigración e a modernización das labores agrícolas que rematou coa música e o baile tradicional que se desenvolvía nese contexto.
Rosa tamén emigrou ao Reino Unido, onde estivo uns quince anos. Adolfina quedou en Cerqueda, pero as dúas foron abandonado o canto. En 1980 Dorothé Schubart, en pleno proceso de recollida, contacta con estas dúas mulleres e recolle 250 coplas e unha decena de melodías propias, que figuran no Cancioneiro Popular Galego. Nos anos 90 vólvese a dar o contexto axeitado para que volvan tocar, cantar e bailar, xa que “a súa habilidade para improvisar letras era coñecida”, explica Richi Casás.
Tocaron a pandeireta ata unha idade avanzada e tamén se valían dos utensilios de cociña para facer música e acompañar o canto. O 17 de maio recibirán a súa homenaxe, xunto a outras cantareiras da zona.