O BNG de Vimianzo lamenta o peche da escola de Carnés e amosa o seu apoio ás familias afectadas por esta decisión. Tamén destaca o feito de que das tres escolas que pechan na provincia da Coruña, dúas sexan da Costa da Morte, e lamenta que desde a Alcaldía non se fixese o posible para tentar manter este servicio no rural.
"Dende o noso grupo defendemos a vida no rural e pedimos que as institucións axuden ás familias a poder vivir aquí e non aos peches de servizos esenciais. Apelamos a todas as persoas involucradas a dar o máximo para defender a vida no rural e a aproveitar as oportunidades dun modelo de educación non masificado, familiar e en contacto direto coa natureza", indican desden o BNG.
Os nacionalistas lembran que esta escola "garantía unha ensinanza de moi alta calidade ás crianzas da parroquia, pois ata o pasado curso, os nenos e nenas de Carnés contaban co privilexio dun docente para tan só 5 alumnos". A Xunta confirmaba o seu peche a semana pasada por contar neste próximo curso con catro alumnos.
O BNG insiste en que nos últimos anos a escola xa estivo en risco en varias ocasións " e só se mantivo aberta grazas ó esforzo e traballo da veciñanza de Carnés, ante o desinterese da alcaldesa de Vimianzo, a Sra. Rodríguez, pois os pais e nais da parroquia ben saben que a alcaldesa non puxo máis que excusas cando se lle pediu colaboración para defender a continuidade da escola ante a Consellería de educación da Xunta de Galicia". "A triste realidade é que este ano e despois de máis de 50 anos, na parroquia de Carnés non se escoitará ós nenos xogando no patio e dando alegría ó lugar", indican desde o Bloque.