A APG concede a José de Cora o premio Diego Bernal 2025

A APG concede a José de Cora o premio Diego Bernal 2025
José de Cora

A Xunta Directiva da Asociación de Periodistas de Galicia (APG) acordou por unanimidade outorgar o Premio Diego Bernal 2025 a José de Cora Paradela, vicepresidente e conselleiro editorial de El Progreso, “polo seu compromiso persoal e profesional co noso oficio, así como pola súa condición de pioneiro do xornalismo total, con abondosa producción nas súas diferentes expresións”.


A Directiva da APG, constituída en xurado para a ocasión, destaca tamén que, “De Cora, pertencente a unha familia históricamente vinculada á prensa e á provincia de Lugo, conta cunha traxectoria extensa e intensa, na que exerceu como redactor, correspondente, autor de crónicas e colaboracións para un amplo abano de medios de comunicación”. Ademais, a APG estima que, “malia as súas responsabilidades en distintos postos executivos en El Progreso, sempre deixou oco para manter unha relación directa cos lectores, con finas reflexións e analises da actualidade en artigos de opinión”. 


A Asociación de Periodistas de Galicia tampouco esquece “a prolífica producción literaria de José de Cora e as súas incursións no mundo do audiovisual, a través de series de televisión ou longametraxes”. “Esa amalgama profesional fíxoo acredor do amplo recoñecemento do que goza dende hai moitos anos, ao que non son alleas a bonhomía e o talante conciliador que o definen”. 

Amplísima traxectoria profesional: da prensa escrita ao audiovisual 
Nacido en Lugo, en 1951, José de Cora foi redactor da Agencia EFE (1970-79) en Madrid e na súa delegación de Santiago, onde coincidiu durante varios meses con Diego Bernal. Correspondente en Madrid de El Progreso, Ferrol-Diario, Región de Oviedo e La Voz de Avilés, foi tamén colaborador en Lui, Doblón, Tiempo, Galicia Internacional, Radio Lugo, Radio Nacional, Radio 80 e Onda Cero. 


O premiado nesta edición co Bernal ocupou os postos de director da revista En Punta, redactor-xefe de El Indiscreto Semanal, director de El Progreso (1980-1994), director xeral do Grupo El Progreso (1994-2023) e, na actualidade, desempeña o posto de vicepresidente e conselleiro editorial de El Progreso, ademais de continuar co seu labor de columnista político.  


De Cora exerceu como profesor convidado na Facultade de Ciencias da Información (agora Facultade de Comunicación) da USC, foi presidente da Asociación da Prensa de Lugo e da Asociación Galega de Televisións Locais, cofundador e tesoureiro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e membro da Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual.


Precisamente polo que se refire á súa faceta audiovisual, a través de Lugopress, dirixiu varias series de televisión como “Vinte séculos de noivado” (2001), “Saúde, diñeiro e amor” (2002), “El Grial de Ancares” (2003), “Herexes” (2007), “Los secretos del gato” (2008), “Hitler, Garbo… e Araceli, calendario extravagante” (2011 e 2012) e “Vidas de pazo” (2013), así como a tv movie “O ladrón de reliquias” (2003). E foi coprodutor de “Sal gorda”, de Fernando Trueba; “O ano da carracha”, de Jorge Coira -que obtivo nove premios Mestre Mateo-; e “3:19”, de Dany Saadia.


De Cora é autor de máis dunha ducia de libros escritos en galego e case unha treintena en lingua castelá, ao que se suma a obra teatral “El bicéfalo”, que estreou no ano 2003, e foi merecedor, entre outros, do Premio Codorniz de Plata (2000), como humorista; José Luis Alvite da Asociación de Periodistas de Galicia (2018), como columnista; e Fernando Arenas Quintela (2019), pola súa obra “Ilustres asesinos y distinguidos cadáveres”.

 

Trixésima edición do Diego Bernal 
A entrega do Premio Diego Bernal 2025 terá lugar no próximo mes de xaneiro, coincidindo coa festividade de San Francisco de Sales, patrono dos xornalistas, no decurso dun acto que terá lugar en Santiago de Compostela.
O galardón, que consiste nunha figura de artesanía tradicional de pratería de Compostela, foi creado en 1996 baixo a denominación inicial de Premio Anual APG, co obxectivo de distinguir a traxectoria profesional de xornalistas galegos, que exercen ou exerceron en Galicia ou fóra da nosa comunidade. Tralo pasamento de Diego Bernal, a APG acordou que o premio pasara a levar o seu nome, como homenaxe á súa memoria. 


Nas vintenove edicións anteriores, os galardoados co Premio Diego Bernal foron Augusto Assía (1996), Pedro de Llano (1997), Feliciano Barrera (1998), Camilo José Cela (1999), Manuel Fernández Areal (2000), o Colectivo de Periodistas Vascos (2001), Santiago Rey Fernández-Latorre (2002), José Manuel Rey Novoa (2003), Juan Ramón Díaz García (2004), Alfonso Sánchez Izquierdo (2005), Ángel Botana (2006), Blanca García Montenegro (2007), Gerardo González Martín (2008), Perfecto Conde Muruais (2009), Manuel Martín Ferrand (2010), Pepe Domingo Castaño (2011), Pilar Cernuda (2012), Germán Castro Tomé (2013), José Luis Alvite (2014), Lois Caeiro (2015), Fernando Ónega (2016), Fernando Salgado (2017), Bieito Rubido (2018), Xosé Luis Vilela (2019), Francisco Campos (2020), Arturo Maneiro (2021), Carmen Merelas (2022), José Luis Gómez (2023) e Aída Pena (2024). 
 

A APG concede a José de Cora o premio Diego Bernal 2025

Te puede interesar