Unha Galicia aínda máis infinda

Unha Galicia aínda máis infinda

A derradeira vez que Florencio Delgado Gurriarán visitou Galicia foi en 1981 para asistir ao seu ingreso como membro da Real Academia Galega. Nese ano, a súa patria, pola que tanto mirou desde o exilio, iniciaba unha nova andaina coa aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, unha norma que abría un esperanzador período de autogoberno dentro da España democrática.


Hoxe celebramos que ese momento histórico deu como froito máis de corenta anos de liberdades, tolerancia e dereitos nun país no que cabemos todos. Unha Galicia diversa, que entende a pluralidade como fortaleza para manternos unidos, e que hoxe é un exemplo de convivencia para o resto de España.


Non foi un camiño fácil: houbo que superar resistencias e derrubar barreiras, pero foi unha empresa colectiva, produto das achegas de todos e cada un dos galegos ao longo de varias xeracións.


Nese recoñecemento colectivo, non sería xusto deixar de destacar o esforzo persoal de figuras como a do autor hoxe homenaxeado no Día das Letras Galegas. Florencio Delgado Gurriarán foi un home que amou Galicia e que o demostrou en todas as vertentes da súa vida: no compromiso político e intelectual, no acubillo aos seus compatriotas, no labor como difusor dunha cultura propia desde o exilio e, por suposto, na defensa do idioma.


Os galegos estamos en débeda con esa xeración que recolleu o legado dos devanceiros e que o entregou aos seus fillos, construíndo sendas que nos axudaron a avanzar nos tempos escuros. Así pois, non se pode entender a vixencia do noso patrimonio colectivo sen a tarefa de persoeiros como Florencio Delgado Gurriarán e os seus contemporáneos: algúns desde o exilio e outros desde a propia terra.


Estamos obrigados a pagar esa débeda. Hoxe, coa celebración do Día das Letras Galegas no acto que celebramos no Barco de Valdeorras; mañá, reafirmando o noso compromiso cos valores que levamos máis de corenta anos defendendo; e sempre, co firme propósito de mellorar a herdanza recibida e de deixar aos máis novos unha identidade galega que, como soñaba Florencio Delgado Gurriarán, se estenda ao longo do mundo sen visados nin fronteiras.


Farémolo, como o fixeron eles, ao xeito deste pobo: tendendo pontes e non creando frontes.


A primeira ponte é o noso propio idioma, que os galegos empregamos e cultivamos como un elemento de unión e non de confrontación. A nosa lingua convence, nunca xamais impón, e por iso na actualidade podemos aledarnos de que as enquisas oficiais recollan por vez primeira un incremento no número de falantes. Convencidos de que esa é o mellor vieiro para asegurar a súa fortaleza no futuro, tamén cómpre seguir achegando a lingua ás últimas canles de comunicación, a través de iniciativas como o Proxecto Nós para incorporar o galego aos dispositivos de recoñecemento de voz.


A segunda ponte será a través da cultura. Seguiremos apoiando a proxección internacional da nosa lingua, que hoxe se estuda en máis de corenta universidades de todo o mundo e continuaremos achegándonos ao espazo lusófono e a outros idiomas irmáns como o catalán ou o éuscaro. Farémolo, por suposto, da man da industria audiovisual, o teatro, o cinema ou a literatura de xeito que poidamos non só procurar mil primaveras máis para o galego, senón tamén espallar a nosa forma de ser e estar fóra das nosas fronteiras.


E en xeral, alí onde se destinen as nosas forzas culturais, sociais ou económicas haberá pontes para o galego. Porque a nosa lingua, a lingua propia e a de todos, codifica a nosa realidade ao noso xeito e conéctanos con tantas outras. Dá nome e consolida o noso nome no mundo.


O galego é un elemento substantivo desa Galicia aberta e cordial, unida na diversidade, que tanto soñaron os galegos bos e xenerosos como o poeta valdeorrés e que hoxe é unha realidade pola que seguir velando.


A terra á que Florencio Delgado Gurriarán entregou o seu compromiso vital e cultural é unha historia inacabada que nos convoca a todos a traballar no presente, coa mirada posta nun porvir aínda máis prometedor para a lingua, a cultura e para todos os eidos. Unha Galicia como a que el procurou: “infinda”. 

Unha Galicia aínda máis infinda

Te puede interesar