Retórica e dividendos

A modo de parodia dunha película de hai non moito tempo, a semana pasada vivimos un paradoxo simbólico que podemos observar na visión do turismo de ricos e o de pobres. Mentres Madrid se transformaba nun espectáculo de márketing turístico, a localidade suíza de Davos erixíase unha vez máis como a especie de “cúpula da responsabilidade global”, facendo gala dun peculiar turismo de primeira clase, claro está, o dos ricos que poden pagalo. Na exposición da Fitur, cunha ampla e variada oferta galega que pasou por alí con menos gloria da que se fixo ver aquí, a promesa das vacacións universais foi empaquetada como un dereito humano esencial. Pola contra, nas montañas alpinas, a elite planetaria, unha vez máis, presentouse como a conciencia do capitalismo, debatendo sobre o cambio climático, a desigualdade ou a tecnoloxía con seriedade e algunha dose de cinismo. Non falta quen considere aos alí concentrados, e aos que fixeron uso da presenza vía telemática, como visionarios; outros, simplemente como axentes das viaxes ideolóxicas de luxo.


Este evento anual, o Foro Económico Mundial é o seu perfecto escaparate: ceas selectas, discursos medidos e unha narrativa calculada sobre un futuro sustentable, como obxectivo teórico. Porén, o que acontece nos corredores e nos reservados discretos dos hoteis, non tan públicos, é máis revelador. Alí non se fala de salvar o planeta, senón de mercados, estratexias de poder e como optimizar recursos ao servizo dos intereses corporativos. É dicir, como incrementar dividendos. A ecuación é sinxela: a etiqueta de “responsabilidade social” cobre, con elegancia, o obxectivo de maximizar beneficios sen alterar as bases dun sistema que favorece a quen as define.


Pero Davos é só a parte visible. O verdadeiro poder móvese en espazos máis opacos, coma o Club Bilderberg, a Comisión Trilateral e outros similares, onde se ditan liñas estratéxicas globais sen incómodas interrupcións da prensa crítica axexando. Tamén están o G30, onde banqueiros e máis economistas de elite afinan os seus instrumentos de control, e os consellos directivos das inmensas corporacións tecnolóxicas, auténticos laboratorios de decisións. Son foros sen cámaras nin discursos sobre igualdade, medio ambiente, clima ou benestar social onde o único obxectivo é garantir que o taboleiro global siga xirando no sentido adecuado, para eles.


Esta dinámica non deixa de ser irónica. Mentres na citada localidade suíza érguense falsas e retóricas bandeiras de cambio e compromiso global, os espazos opacos, xa sen rubor, planean como preservar privilexios. Aquí non hai casualidades: cando algunha medida por eles impulsada beneficia ao resto da humanidade, adoita ser un efecto secundario, máis que unha intención directa. Mentres tanto, o relato de colaboración global segue sendo o mellor recurso para disfrazar as verdadeiras prioridades dun sistema deseñado para manter as posicións de quen realmente decide.


Davos é o iceberg que flota á vista. Os seus foros paralelos, máis efectivos e discretos, son o corazón das decisións reais, onde o resto do mundo, consciente ou non, convértese en figurante dun guión escrito polos amos do xogo. Eses que venden retórica pero que antepoñen dividendos. 

Retórica e dividendos

Te puede interesar