Conectividade rural

A pandemia da Covid-19 trouxo consigo unha inesperada modificación nas tendencias de residencia e traballo, poñendo de relevo as vantaxes da vida en contornas rurais e territorios caracterizados por unha natureza limpa e sostible. Nun momento de restricións e incertezas, moitas persoas buscaron afastarse do estrés e da densidade das áreas urbanas, optando por espazos que ofrecen unha maior calidade de vida. Este movemento estivo acompañado dun crecemento exponencial do teletraballo, unha modalidade laboral que demostrou ser viable en sectores diversos e que permitiu darlle valor ao rural como unha opción non só posible, senón tamén máis saudábel e desexábel.


Após a pandemia, co paso do tempo, esta opción idealizada vese con desafíos e barreiras. A revolución dixital prometeu un futuro conectado e eficiente, mais no rural galego esta transformación avanza a dúas velocidades. Por unha banda, as cidades e as vilas medianas acceden a infraestruturas tecnolóxicas que facilitan a modernización. Por outra, as parroquias e aldeas enfróntanse a barreiras estruturais e sociais que dificultan a súa incorporación a esta nova era. Esta fenda dixital, lonxe de ser un simple atraso tecnolóxico, ten profundas implicacións económicas e sociais, perpetuando a inxustiza e a desigualdade histórica. Situación que demanda ser modificada.


Entre as principais barreiras destaca a infraestrutura insuficiente. A cobertura de internet, en moitos deses lugares, é limitada ou inestable, un problema especialmente grave para as xentes que viven da gandería, da agricultura, da artesanía ou de pequenas empresas que dependen da conectividade para competir en mercados globais. A isto engádese a falta de formación en competencias dixitais, un factor que agrava o illamento social e dificulta o aproveitamento das ferramentas tecnolóxicas.


Neste panorama, a chegada deste avance tecnolóxico que coñecemos por Intelixencia Artificial introduce novos matices. Esta tecnoloxía xa non é unha promesa futurista, senón unha realidade que comeza a ter impacto en sectores clave para o rural galego, como a agricultura de precisión, a xestión forestal ou o turismo sostible. Porén, a súa implantación presenta dúas caras. Por unha banda, ofrece ferramentas para optimizar recursos, prever riscos e mellorar a calidade de vida.


Por outra banda, subsiste unha percepción ambivalente sobre os perigos da IA. A automatización esperta temores sobre a perda de emprego tradicional, e a dependencia tecnolóxica suscita preocupacións éticas e culturais. Moitas comunidades temen que este nivel tecnolóxico exacerbe a deshumanización das relacións e amplifique a distancia entre os centros urbanos e o mundo rural. Ademais, os custos de acceso a estas tecnoloxías adoitan ser prohibitivos para pequenos produtores, reforzando a desigualdade preexistente. Os gobernos teñen que frear esa desvantaxe.


A cuestión fundamental non reside tanto en adoptar ou non a tecnoloxía, senón en como se fai. Políticas públicas que garantan a conectividade universal, programas de formación dixital axeitados ás necesidades do rural e incentivos para proxectos tecnolóxicos inclusivos son medidas imprescindíbeis. O reto está en facer desta revolución unha ferramenta que non só corrixa desigualdades, senón que respecte e enriqueza a singularidade do rural galego. É camiño ao futuro.

Conectividade rural

Te puede interesar