O colapso dos límites

Mirada coa experiencia galega e ollando tamén para as catástrofes que sofren outras xentes no resto do ámbito territorial ibérico, sen dúbida, a crise climática que afrontamos é só a cara máis visible dunha tormenta perfecta que combina a perda de biodiversidade, o esgotamento de recursos enerxéticos e minerais, e unha dinámica económica global que perpetúa a destrución do planeta. Esta conxunción de factores sitúa ao futuro humano nun punto crítico: o colapso planetario. Malia as advertencias científicas e os rexistros históricos que confirman un empeoramento progresivo, gobernos e poderes económicos non adoptan as medidas necesarias para frear esta deriva.


Nos últimos anos, este termo sociolóxico, o colapso, creou un animado debate no seo do ecoloxismo mundial. Uns ven neste concepto unha descrición realista da dirección que levamos, mentres outros critican que fomenta o pesimismo e a inacción. Porén, este antagonismo simplifica unha cuestión de extrema complexidade. A ameaza de colapso non é inevitable, pero tampouco unha ficción. É un escenario posible, que vai collendo corpo a medida que superamos os límites planetarios.


Os datos son alarmantes. A temperatura global aumenta a un ritmo sen precedentes, e os eventos extremos como ondas de calor, incendios, ciclóns e inundacións multiplícanse e intensifícanse. A perda de colleitas e a escaseza de auga potable, soportada pola metade da poboación mundial, é preludio dunha crise alimentaria e social global que vai camiño de desbordar aos sistemas actuais.


Ademais, a emerxencia climática está directamente conectada con outras crises menos visibles pero tamén decisivas. A perda de biodiversidade compromete os ecosistemas que sustentan a vida, mentres a diminución de recursos enerxéticos e minerais ameaza con desartellar as cadeas de subministración que manteñen a economía global. Problemática que, lonxe de abordarse, é minimizada polos gobernos que declaran emerxencias climáticas sen adoptar políticas acordes.


A pasividade xeneralizada reflicte un problema cultural e político profundo. As eleccións políticas seguen premiando modelos de crecemento que non se sosteñen e un consumismo voraz, mentres a cidadanía, por falta de concienciación, ignora a gravidade da situación. Neste contexto, o debate sobre o colapso debería ser reformulado non como unha discusión entre optimistas e pesimistas, senón como unha oportunidade para mobilizar á sociedade arredor dun cambio de rumbo radical.


Evitar o colapso climático e medioambiental require actuacións de fondo calado, incluíndo a transformación dos sistemas enerxéticos e, inevitablemente,  unha mudanza do propio modelo económico capitalista, que outorga prioridade ao lucro inmediato sobre a sustentabilidade. Pero tamén require unha narrativa que combine realismo e esperanza: recoñecer a magnitude da ameaza sen resignarse, inspirando acción colectiva para mitigar os impactos e asegurar un futuro habitábel.


Estamos nunha emerxencia, aínda que os feitos non se comporten coma un filme apocalíptico. Cada ano de inacción reforza o camiño cara ao colapso, pero cada paso que poda darse cara a un sistema máis xusto e sustentable é a oportunidade de evitar as súas peores consecuencias. Non podemos permitirnos máis dúbidas nin escusas; o tempo de actuar é agora. Evitar cruzar os límites.

O colapso dos límites

Te puede interesar