Malpica será o epicentro do Día das Letras Galegas en homenaxe ás Pandeireteiras de Mens

Malpica será un dos principais escenarios do Día das Letras Galegas 2025, en recoñecemento ás Pandeireteiras de Mens. A Real Academia Galega (RAG) trasladará a esta localidade parte dos actos de conmemoración, para destacar o legado de Manuela Lema, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e Teresa García Prieto, fundamentais na preservación da tradición oral galega.


O 17 de maio, o Concello malpicán acollerá o pleno extraordinario e público da RAG, que poderá seguirse en directo desde a web da Academia. Este acto, que recollerá intervencións sobre a importancia das cantareiras na tradición galega, será posteriormente publicado no Boletín da Academia, xunto cos relatorios do Simposio das Letras, previsto para o último trimestre do ano.


A elección de Malpica responde ao recoñecemento das cantareiras de Mens como figuras clave na transmisión do folclore e da lingua galega. Esta homenaxe intégrase no tributo da RAG ás cantareiras galegas, no que tamén destacan Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda, e Eva Castiñeira, de Muxía.


Ademais, as pandeireteiras de Malpica protagonizarán un novo episodio da webserie documental ‘Se canto é porque quero’. Neste capítulo, incluiranse testemuños de Isabel García Quintela e Manel Fernández Pensado, da Agrupación Folclórica Aturuxo, e da Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda. Carme e Uxía da Pontragha abordarán o ensino do canto e a pandeireta en contornos urbanos, mentres a cantadora Jara Ortiz ofrecerá unha clase práctica sobre cantigas.


Desde o Concello celebran este recoñecemento ás Pandeireteiras de Mens como “figuras imprescindibles para que o galego seguise brillando mesmo nos momentos nos que a noite era máis escura” e agradecen á RAG a decisión de celebrar os actos do Día das Letras en Malpica. 

Malpica será o epicentro do Día das Letras Galegas en homenaxe ás Pandeireteiras de Mens

Te puede interesar