A Xunta de Galicia lanzou a súa campaña con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres: ‘O Noso Canto: todas xuntas resoamos máis forte’. Trátase dun proxecto cultural único no que se reúnen máis de 30 artistas galegas e un equipo de produción composto na súa totalidade por mulleres para dar visibilidade á forza interxeracional do feminismo a través dun único sentir: a igualdade de xénero real e efectiva.
O Goberno galego emprega a música como ferramenta para transmitir a importancia da unión de todas as mulleres para seguir avanzando cara unha Galicia cada vez máis igualitaria. ‘O Noso Canto’, composta por Belém Tajes, xorde da unión de dúas cancións, ‘Aperta’ e ‘Latexo’, que baixo diversos estilos e interpretadas por distintas xeracións, ao fusionarse transmite unha mensaxe clara: “Todas xuntas resoamos máis forte”.
As mulleres galegas sempre deixaron a súa pegada en multitude de eidos, máis a súa ligazón co mundo da cultura é, si cabe, aínda maior. Dentro deste eido, a música sempre foi un mundo no que a muller gozou dun protagonismo todavía máis grande, tanto no pasado, coma no presente. Baixo esta idea, a Xunta reuniu unha representación de máis de trinta artistas galegas tanto consolidadas como emerxentes para poñer voz e son a un único sentir: a igualdade de xénero.
Como resultado, un diálogo musical único e cheo de maxia que simboliza toda a forza da unión interxeracional do feminismo. Así nace ‘O noso canto’, a obra que xorde da unión de dúas cancións, con distintos estilos e distintas xeracións, cada unha coa súa personalidade. ‘Aperta’ e ‘Latexo’ por separado son grandes temas, pero unidos, soan coma un himno. Porque cando se trata de reivindicar a igualdade real e efectiva, lembran desde a Xunta, “todas xuntas resoamos máis forte”.
Por iso ‘O noso canto’ é máis que unha canción, é un proxecto cultural colectivo, sen precedentes, creado íntegramente por mulleres para toda a sociedade galega.
“É un día de xuntanza, de reivindicación, de estar todas preto e de mostrarlle ao mundo que existimos os 364 días do ano restantes” |
“Que tamén estean no proxecto as que abriron camiño as que vimos detrás é moi importante” |
“Xuntas resoamos máis forte, temos que facer comunidade nese sentido; para que nos escoiten é mellor cantas máis sexamos” |
“Para mín o 8-M é un día de celebración, de unión, festexos de todas as mulleres e tamén de reflexión” |
“Temos unha terra na que as cantoras somos de colaborar, de unir as nosas voces” |
“Resoamos máis forte xuntas, somos unha sola voz. Eu sempre o dixen, cando nos xuntamos todo eso suma, non hai choque; armoniza” |
‘Latexo’ está protagonizada por artistas emerxentes e sons de pop experimental, coas voces principais de Yoly Saa e Sabela Ramil, e na que participan de forma coral Nastashia Zürcher, Catuxa Salom, Carolina Rubirosa, Leticia Rey, Icía Varela, Sara Nebra, Claudia Abril, Ana Moas, Sara Gimeno. A elas súmanse as voces brancas de Amelia, Aitana, Aroa, Celtia, Grecia e María. Belém Tajes, a creadora da composición, participa tamén nos sintetizadores e recitado inicial.
‘Aperta’, pola súa banda, conta coas voces consolidadas de Rosa Cedrón, Uxía Senlle e Lucía Pérez, e os sons de pop folk que lle proporcionan Caamaño&Ameixeiras (acordeón e violín), Bea Martínez (arpa céltica), Anaïs Barbier, María Jorge, do grupo Caldo (pandeireta e violín) e catro das integrantes de Adufeiras de Salitre (Bea Mariño, Carolina Vázquez, Iria López e María Pardo).
O proxecto conta coa colaboración especial de Genara Méndez, unha das cantareiras de referencia da cultura tradicional galega, en representación de todas as mulleres que serán homenaxeadas o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas.
‘O Noso Canto’ nace co obxectivo de converterse nun símbolo da unión interxeracional do feminismo e poderase escoitar ao completo en todas as plataformas a partir de hoxe.