Castelao na Academia: un sitio web para a gran figura política e cultural da Galicia contemporánea

A Real Academia Galega estrea na súa web un novo espazo no que irá amosando ao longo do Ano Castelao os fondos que custodia relacionados coa vida e a obra do rianxeiro máis universal, dende manuscritos e fotos ata materiais bibliográficos e hemerográficos
Castelao na Academia: un sitio web para a gran figura política e cultural da Galicia contemporánea
Castelao nunha imaxe de 1935 | RAG

Tal día coma hoxe, o 7 de xaneiro de 1950, morría no exilio bonaerense Afonso Daniel Rodríguez Castelao. Membro de número da Real Academia Galega, a institución dedicoulle en 1964 o segundo Día das Letras Galegas. No 75 aniversario do seu pasamento, a RAG súmase ás celebracións que lembrarán a súa figura e o seu legado estreando un novo sitio web no que irá incorporando, ao longo dos vindeiros meses, distintos fondos que custodia relacionados con quen é “sen dúbida a gran figura política e cultural da Galicia contemporánea”. 

 

RAG Homenaxe das Irmandades a Castelao Lugo 1935
Homenaxe das Irmandades a Castelao - Lugo 1935 | RAG

 

“Xunto con Rosalía de Castro, Castelao é o primeiro referente da galeguidade. Rosalía no século XIX. Castelao no XX”, salienta na presentación do espazo (https://academia.gal/ano-castelao) Víctor F. Freixanes. 

 

RAG Galicia Mu00e1rtir 1937

 

Mentres Castelao viviu no obrigado desterro, a RAG non declarou vacante a súa cadeira, en recoñecemento ao seu legado e á súa significación. Tras o seu pasamento, conservou viva a súa memoria e neste Ano Castelao volve poñer o foco no seu pensamento, que continúa a ser guieiro. O seu non lle poñades chatas á obra namentres non se remata. O que pense que vai mal, que traballe nela. Hai sitio para todos, plasmado no álbum Nós (1920), segue vixente un século despois, subliña o presidente. “Galicia somos todos e todas, e a cultura galega é un proxecto en construción que se expresa en formas e con sensibilidades diferentes. Vivimos un tempo de grandes desafíos que debemos afrontar dende a esixencia crítica e con afouteza, dende o traballo e con ilusión, mais tamén con espírito crítico aberto, pois somos parte do mundo, non unha illa, e coa casa disposta a recibir a quen quere vir traballar nela, sen sectarismos, sen exclusións. Tal é o espírito que a obra de Castelao nos transmite”, reflexiona.

 

RAG Prosposta de Castelao como acadu00e9mico
Prosposta de Castelao como académico | RAG

 

De manuscritos, fotos e revistas a pezas históricas

O novo sitio que se estrea este martes consta de dúas seccións. En Castelao na RAG preséntanse de maneira divulgativa materiais da Academia relacionados co intelectual que poden ser de interese para a comunidade investigadora e tamén para o público xeral. “Este espazo acolle tanto os documentos gráficos e textuais conservados no noso arquivo —manuscritos dalgunhas conferencias, textos da súa autoría e outros documentos que sinalan a pegada que deixou Castelao— coma a súa presenza nos fondos bibliográficos e hemerográficos. Preténdese con todos eles ilustrar a obra e a biografía do rianxeiro”, explica o académico Henrique Monteagudo.

 

RAG Os dous de sempre 1934
Os dous de sempre, 1934 | RAG

 

Na outra sección, Pezas destacadas, membros da RAG e outros especialistas presentarán cada mes unha peza senlleira relacionada coa biografía ou a obra de Castelao. “Aínda que non todas estean hoxe depositadas nas instalacións da RAG —como é o caso dos grandes cadros de cegos que se poden visitar no Museo de Pontevedra—, todas son propiedade da institución e como tales as ofrecemos ao público”, engade Monteagudo.

 

RAG Sempre en Galiza 1944
 Sempre en Galiza 1944 | RAG

 

A primeira peza da colección da RAG que se amosa é a bandeira do Consello de Galiza, denominada bandeira de Castelao, empregada nas exequias do escritor en Buenos Aires, que foi doada á Academia pola súa viúva. O encargado de comentala é Carlos Brandeiro, académico correspondente fincado na capital arxentina, quen recorda como a despedida deste galego universal conmoveu a cidade porteña: “Artigos nos xornais máis importantes da Arxentina; adhesións dende diferentes partes do mundo; emoción e dor nos discursos; milleiros de mans que teimaban en tocar o féretro; nove carrozas que portaban 87 coroas florais; unha manifestación que paralizou a avenida Belgrano; un funeral de Estado”.

 

RAG Bandeira do Consello de Galiza
Bandeira do Consello de Galiza | RAG

Castelao na Academia: un sitio web para a gran figura política e cultural da Galicia contemporánea

Te puede interesar