Galicia impulsa medidas pioneiras para a cobertura de vacantes laborais

A Xunta ten en marcha plans que son referentes para garantir a retención de talento na comunidade
Galicia impulsa medidas pioneiras para a cobertura de vacantes laborais
A formación é un dos aspectos claves á hora de reter talento | Quintana

O mercado laboral afronta na actualidade grandes retos que son globais e estruturais en todo o continente. Entre eles sitúanse desafíos como o envellecemento demográfico, a cobertura das vacantes ou a necesaria remuda xeracional. A UE é clara nas súas recomendacións: é indispensable poñer en marcha medidas encamiñadas á retención e á atracción de talento, investindo, por unha banda, na reciclaxe profesional da poboación activa e, pola outra, fomentando a mobilidade e a atracción de persoas de terceiros países, en liña coas demandas das empresas.


Galicia ten en marcha unha ambiciosa folla de ruta con accións pioneiras que están sendo referentes a nivel nacional e internacional. O fin é favorecer a competitividade do tecido empresarial galego, apostando pola potenciación da empregabilidade dos  galegos e, en paralelo, captar talento do exterior.


Os resultados da recente Estatística de Migracións e Cambios de residencia de 2023 do INE volven demostrar a eficacia das políticas de retorno impulsadas pola Xunta, así como a capacidade para atraer talento, sempre en conxunción coas medidas destinadas a potenciar a forza laboral interna. Así, Galicia continúa a gañar poboación e volve rexistrar cifras históricas de saldo migratorio, con 25.738 persoas. Canto ao retorno, marca por terceiro ano seguido un novo récord, con preto de 8.500 galegos do exterior e descendentes que decidiron regresar á súa terra de orixe. A cifra está acompañada dun aumento das persoas que chegan desde o estranxeiro: 39.415.

 

Casar oferta e demanda

No que respecta ao mercado interno, a Xunta ten en marcha un proceso de modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia co obxectivo de incrementar a súa eficacia, tanto de cara ás empresas que buscan traballadores como aos propios demandantes de emprego. Esta modernización abrangue desde a renovación das oficinas ata medidas innovadoras como o software EMi, implantado xa nas 54 oficinas de emprego de Galicia e que vén de recibir o premio do Observatorio de Vixilancia Tecnolóxica do Sector Público da CE. Esta ferramenta baseada na IA facilita a conexión da oferta e da demanda do mercado laboral, permitindo o perfilado competencial dos demandantes de emprego co fin de facilitar aos orientadores a toma de decisións e aumentar a empregabilidade.


No marco das listas de demandantes de emprego, a Xunta centra os seus esforzos no programa de seguimento da demanda, que busca garantir que nas listas figuren só as persoas que realmente queren entrar no mercado para facer máis efectivas as políticas activas de emprego. Até agora, o programa xa atendeu a 48.500 persoas, favorecendo a inserción no mercado dunhas 7.300 e motivando que preto de 10.800 deixasen de ser demandantes. 


Co gallo de seguir avanzando neste camiño, introdúcese de xeito pioneiro o acordo de actividade recollido pola normativa estatal para inscribirse ou permanecer como demandante de emprego, co propósito de diferenciar as persoas que queren traballar -centrando nelas os esforzos das políticas activas de emprego- das que só buscan formación ou o cobro de prestación.

 

Formación flexible

Para potenciar e reter o talento interno, a aposta pola formación é clave. O Goberno galego avoga por unha maior flexibilización destas accións para que sexan á carta e respondan mellor ao que precisa o tecido produtivo, atendendo tanto á reciclaxe das persoas ocupadas como fomentando a empregabilidade das sen traballo. Un exemplo son os convenios en vigor que a Xunta ten suscritos cos clústers de nove sectores estrátexicos para impulsar microformacións deseñadas polas entidades e que permitirán cualificar a máis de 17.000 persoas.


No 2025 lanzaranse convocatorias de financiamento de accións formativas e os Bonos Talento Empresa. Tamén se im­pulsarán medidas para colectivos estratéxicos ou infra­rrepresentados como a Es­tratexia Mocidade Activa ou o Programa Arraigo para a inserción a través de microformacións.

 

O retorno dos galegos do exterior, unha prioridade

Como a forza laboral interna non é suficiente para cubrir as vacantes existentes, a Xunta impulsa un ambicioso plan de captación de talento para seguir sumando capacidades ao mercado. O Goberno galego procura, de xeito prioritario, o retorno dos galegos do exterior e os seus descendentes, co gallo de facer fronte a esta realidade e saldar a débeda histórica coa emigración que noutrora axudou a construír a Galicia de hoxe. Esta aposta artéllase a través da Estratexia Galicia Retorna, ao abeiro da que no 2025 se impulsarán de novo as bolsas BEME ou o programa Retorna Cualifica Emprego, cuxa segunda edición xa está en marcha cun investimento de 2,3 millóns de euros. Nese marco, entre outras accións, realizaranse feiras de emprego na Arxentina ou no Uruguai, ademais de lanzar unha nova medida para a rehabilitación de vivendas destinadas a retornados. Tambén capta traballadores con accións en orixe. 

Galicia impulsa medidas pioneiras para a cobertura de vacantes laborais

Te puede interesar