O Concello de Cee festexará as Letras Galegas cunha serie de actividades de divulgación da figura do autor Florencio Delgado Gurriarán e tamén con presentacións de libros, música e unha exposición que conmemora os 50 anos da Casa Museo de Rosalía de Castro.
O programa comeza o sábado ás 21.15 horas coa presentación do libro “De Cee a Compostela: un achegamento á figura de Domingo Antonio de Andrade” de Víctor M. Castiñeira. Acompañarán ó autor, a alcaldesa Margarita Lamela e o presidente da Asociación Amigos dos Museos de Galicia, Felipe Senén López.
O domingo (de 19 a 22 horas) o pavillón polideportivo acollerá unha nova edición dos “Domingos de Baile” , ós que poden acudir todas aquelas persoas con ganas de pasalo ben. Nesta ocasión actuará a popular cantante carballesa, Rocio Pérez.
O luns (18 horas) a compañía Trémola Teatro levará ós ceenses, a través dos contos, a unha viaxe pola vida e poemas de Florencio Delgado Gurriarán, para todos os nenos. De seguido terá lugar a entrega dos premios dos concursos que cada ano convoca a biblioteca Francisco Mayán: XXXI Concurso Achegamento ó Libro e Na procura do noso XVIII Marca-páxinas.
O mércores a biblioteca municipal converterase nunha discoteca co espectáculo de María Faltri, no que brindaralle aos cativos e cativas unha escolla da mellor música infantil galega para que non deixen de cantar e bailar. Nesta xornada tamén haberá as 20 horas na sala de conferencia a presentación do libro publicado por Xerais “Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio mexicano” do escritor, tradutor e docente ceense Miro Villar.
O día 19 haberá unha dobre cita: ás 11 horas Ignacio Vilariño (Fantoches Baj) chegará a Cee co espectáculo musical para a infancia no que se conta a historia de “O tranvía Leonardo”, o primeiro tranvía a vapor de Galicia que facía o traxecto entre Marín e Pontevedra e sobre o que tanto escribiron grandes plumas galegas como Castelao, Valentín Paz Andrade, Wenceslao Fernández Florez, Xulio Camba e un longo etcétera.
Ás 12 a Praza da Constitución acollerá a inauguración da exposición “A casa de Galicia” comisariada por Pepe Barro e organizada pola Fundación Rosalía de Castro co apoio da Xunta de Galicia e a Deputación de A Coruña. É unha mostra exterior fai un repaso pola historia desta Casa-Museo. A Casa da Cultura acollerá o venres 20 (20.30 horas) a presentación do libro “Ayúdate que te ayudaré” da escritora María Lucinda Rey. Acompañará á autora, Isabel Ares de Ler Librerías. Ao día seguinte, na Praza da Constitución (13 horas) será o tradicional concerto da Banda de Música na que ademáis de temas do repertorio habitual se incluén temas relacionados coa cultura e tradicións galegas.
O día 25 pechará a exposición “Florencio Delgado Gurriarán. Tesouro de lembranza”, inaugurada o 9 de maio na biblioteca municipal. Dez paneis informativos editados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e libros do fondo bibliográfico da biblioteca “Francisco Mayán”, integran esta mostra na que se pretende amosar a vida e o legado cultural que deixou como escritor e intelectual comprometido coa cultura e lingua galega, Florencio Delgado Gurriarán.
Este xoves arrincará o programa do Día das Letras de Carballo A compañía Teatro do Atlántico representará ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, o espectáculo “Libre como os paxaros”, no que os textos de Rosalía de Castro están presentes nos acontecementos cotiáns da sociedade contemporánea. Mañá venres o Conservatorio Profesional de Música pechará o curso cun concerto no Pazo da Cultura (19 horas) e entregarase o premio Xosé Manuel Eirís (20.30).
O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Concello de Malpica inaugurará o novo espazo expositivo “Non canto por cantar” no Centro de Artesanía e Tradición de Buño (antigo Centro Comarcal de Bergantiños).
As 12 horas abrirá as portas a mostra que reúne imaxes gráficas e documentación na que se fai un percorrido pola historia da música e baile tradicional de Galicia e que aínda se mantén vivo a través das actuacións dos mozos e mozas. Os asistentes poderán comprobar como toda esta historia mantívose ao longo do tempo ata os nosos días. O acto contará coa participación das asociacións locais Raigañas, Malante e Carcaxía que interpretarán pezas do concello de Malpica. O Concello homenaxea desta maneira ás persoas maiores transmisores de todo este patrimonio inmaterial do municipio malpicán.
O Museo Etnolúdico de Galicia (Melga) celebrará o vindeiro martes 17 polo Día das Letras Galegas unha xornada de portas abertas, que seguirá o mércores 18 para conmemorar o Día Mundial dos Museos.
O horario de portas abertas será de 10 a 14 horas e de 16.30 a 20 horas. A entrada será gratuíta e as visitas guiadas comezarán ás once da mañá e rematarán a 13 horas para ambos días. Os posibles visitantes deberán obligadamente inscribirse (só visitas guiadas) na secretaría do Centro Cultural de Ponteceso ou no Melga ben telefonicamente ao 981 71 54 42 ou nos correos electrónico ricardoperezyverdes@gmail.com ou info@museomelga.com.
O Concello de Vimianzo informou dunha lixeira variación no horario de comezo do concerto de Tanxugueiras que terá lugar o luns en cálea Braña. A actuación comezará ás 22 horas e as portas de acceso abriranse ás 20.30 horas. As entradas teñen un custo de 10 euros e deberán adquirirse a woutick.es. É o primeiro concerto destas características que se celebra na Costa da Morte desde que comezou a pandemia.