O Pazo da Cultura de Carballo acolleu este xoves o primeiro Encontro Lusófono promovido desde o equipo de Dinamización da Lingua Galega e os departamentos de Lingua galega e Literatura, así como de Xeografía e Historia, do IES Alfredo Brañas coa colaboración da Xunta. O obxectivo desta xornada, na que participaron preto de 150 estudantes de 3º da ESO e 1º de Bacharelato, é incidir nas vantaxes que para a lingua galega ten o portugués, así como poñer en valor a orixe común e proximidade lingüística, social e cultural dos idiomas falados ás dúas beiras do Miño.
O evento contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; os músicos Uxía e Sérgio Tannus; o promotor cultural Vítor Belho; o alcalde carballés, Evencio Ferrero; e o propio instituto.
Valentín García agradeceu “o traballo realizado por todo o profesorado do instituto, que xa foi pioneiro no seu momento neste campo incluíndose entre os centros dependentes de Educación que ofrecen portugués como lingua estranxeira en todos os niveis de secundaria e de bacharelato”. Respecto ao encontro, Valentín García sinalou que pode servir “de modelo para que outros centros galegos o incorporen no seu currículo didáctico, amosando de modo lúdico e didáctico o instrumento tan poderoso que é a lingua galega no mundo lusófono, que conta con 260 millóns de falantes”.