“Eu son... Balbino. Un rapaz da aldea; coma quen di, un ninguén”. Así comezaba esta tarde o seu pregón o pediatra e director do hospital materno infantil da Coruña, Alejandro Ávila Álvarez, lembrando as palabras de Xosé Neira Vilas na súa obra “Memorias dun neno labrego”. “Un rapaz de Carballo, da rúa Ourense, da Leus, do Brañas”, continuou o pregoeiro ao tempo que aclaraba sentirse moi identificado con ese rapaz, ese “ninguén” que, a pesar diso, ten a “inmensa honra” de ser o pregoeiro das festas patronais da súa vila, que sempre leva no seu pensamento.
Álex recoñecía tamén que a pesares de que aceptou a invitación con moita ilusión, axiña empezou a sentir “eses pequenos medos” que todos sufrimos cando nos enfrontamos a un novo reto. O pediatra carballés comezou falando da súa familia, do seu avó Federico que non chegou a coñecer; do avó Vicente que tantas historias lle contou, aínda que fosen na última etapa da súa vida, antes de facer un resumo sobre a súa traxectoria vital. Unha historia entre “fonendos e muiñeiras”, como a definiu hai uns anos un xornalista e como a el lle gusta definirse.
Así, repasou as súa prácticas no centro de saúde de Carballo, no verán de 1999, lembrando anécdotas vividas cun médico de Valladolid e outro galego (pero non de Carballo) e con doentes desta terra. Unha que nunca esquencerá será a dun veciño de Sofán que un día lle contaba ao médico de Castela: “Teño un aquel na ghorxa que me prende, me prende e ata que ghomito non termino de aquelar”. “Imaxinade a cara do médico de Valladolid”, dixo o pregoeiro, algo que xa estaban imaxinando os alí presentes entre risas.