"Medre a Praza dos Libros e medre Carballo"

"Medre a Praza dos Libros e medre Carballo"
A Praza dos Libros estivo moi animada este xoves I Marema

A Praza dos Libros, ou tamén coñecida como PLIC, comezou onte en Carballo, xoves de mercado como é habitual, e co polifacético Xurxo Souto como mestre de cerimonias. O pregón estivo cheo de louvanzas a esta terra, cantos e animación ao tempo que facía un chamamento a empregar a lingua propia, a sentir orgullo da terra sen esquencer nunca as raíces. “Clamor Carballo! Medre a música, medre a literatura, medre a Praza dos Libros, medre a lingua galega, medre Carballo!”, exclamou Xurxo Souto ao remate do seu discurso. 


Porque, indicou en varias ocasións, “Carballo é un pobo de artistas”, “Carballo é poesía, é berce de cultura, o jazz da palabra que é a regueifa...” con Lupe Blanco como máxima exponente. A comarca de Bergantiños e Carballo por extensión tamén é “berce de cantareiras”, en alusión ao recoñecemento da Real Academia Galega para o Día das Letras Galegas. “Carballo é creatividade e talento”, subliñou. 


Os tres folios que dixo levar para dar o pregón fixéronse curtos mentres lembraba o seu paso pola capital de Bergantiños en diferentes etapas. No ano 1992 actuando co seu grupo Os Diplomáticos, e 30 anos despois, como mestre de Latín no IES Isidro Parga Pondal, un centro que é “unha factoría de creatividade”, dixo.


Nese momento Souto tamén se referiu a situación da lingua galega, da que, afirmou, “é moito peor que hai 30 anos”. “Na música gañanos, pero na lingua en xeral non”, indicou. “Antes dicíannos que a lingua non valía para o rock and roll e agora dinnos que non serve para as matemáticas. E como din vai desaparecer en 2 ou 3 xeracións, pois xa é mellor que non o faledes, non?”, ironizou o pregoeiro ao tempo que invitaba aos “agoiros apocalípticos” a visitar a Praza dos Libros. 
 

"Medre a Praza dos Libros e medre Carballo"

Te puede interesar