O 4 de xaneiro de 1993 morría Carlos Díaz, O Xestal. Onte, o mesmo día no que se cumprían 31 anos do seu cabodano, Carballo pechou o Ano do Xestal lembrando a súa figura como máis lle gustaba a el, con música e humor. Porque O Xestal foi un músico e humorista autodidacta que elixiu este concello para vivir, e onde morreu de forma moi humilde.
Hadrián García foi o encargado da visita guiada e dramatizada pola exposición do Pazo da Cultura, onde non faltaron os xogos e interacións cos participantes. Lembrou a sús faceta humana e o seu lado activista, onde destacou a súa implicación na loita pola marisma de Baldaio, entre outras moitas. Hadrián García rematou a súa intervención subliñando que figuras como a do Xestal “non debería de morrer nunca”. “Xa o decía Gayoso, e nós temos que manter ese candil aceso”, engadiu, en alusión ao seu mítico tema “Apaga o candil”.
No acto tamén tomaba a palabra Xurxo Souto, quen coñeciu persoalmente ao Xestal, e quiso aproveitar para louvar de novo a súa persoa e o compromiso que sempre demostrou coas causas sociais. No caso concreto da defensa de Baldaio, lembrou que tanto O Xestal como outras persoas tiveron que levar moitos “paus no lombo” para que agora poidamos disfrutar dese paraíso natural no litoral carballés.
E a pesares das súas duras condicións de vida, Souto insistiu en que “o proxeto do Xestal triunfou”.