Carballo presentou este martes unha completa e variada programación do Verán Cultural, que arrincará o 7 de xullo e se prolongará ata finais de agosto. Esta edición destaca porque será 100% galega, coas actuacións de Sés, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, De Vacas, Antía Muíño e Berto.
Ademais destes cinco concertos (22.30 horas), o programa inclúe dous espectáculos infantís na praia de Razo con Paco Nogueiras e o Mago Antón, teatro no Bosque do Añón e nove películas.
O acto de presentación contou no Pazo da Cultura coa participación do alcalde en funcións, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; e o presidente da Fundación Luís Calvo Sanz, Chano Calvo, que un ano máis colabora con este ciclo cultural.
"Ofrecemos unha programación diversa, para todos os públicos e con carácter gratuíto”, apuntou o concelleiro de Cultura.