A maxia dos libros enche os xardíns municipais de Carballo desde este xoves ata o domingo. Hoxe inaugurouse a Praza dos Libros, a PLIC, cunha grande afluencia de xente dende primeiras horas, que se repartía entre os postos habituais do mercado e as casetas dos libreiros. Unha verdadeira “ledicia” ver tantos libros neste espazo, pero tamén entre os chourizos, a carne salgada ou o cheiro dos churros, como indicaba o alcalde, Evencio Ferrero.
O rexedor eloxiou a iniciativa, que, segundo dixo, pretende ser algo máis ca un evento adicado ao libro, apostando por un formato propio da Praza dos Libros, e onde libros, libreiros e lectores son os verdadeiros protagonistas. “Os libros sen lectores non terían sentido”, dixo. “Da lectura sempre se aprenden cousas, e sempre poderemos contar experiencias”, engadiu, mentras expresaba o seu desexo de que persista “a ilusión de ler novos libros e que sexamos felices lendo novas páxinas”. Evencio Ferrero dou por inaugurada a Praza dos Libros despois dun intenso pregón de María Lado, escritora, poeta e actriz, entre outras moitas cousas, nacida na Costa da Morte, en Cee, aínda que residente en Vigo, porque, bromeou, “a vida ás veces castíganos desta maneira”.
María Lado confesou o seu amor pola lectura dende ben pequena, o seu primeiro libro en galego que lle comprou súa nai na Feira do Libro da Coruña ou o descubrimento aos dez anos de “La historia interminable”, nun verán coa súa curmá en Carnota cando xa o seu espíritu inquedo lle impedía durmir polas noites. “A Historia Interminable salvoume a vida, e a de meu pai e de miña nai seguro que tamén”, dixo, despois de confesar como pasaba tardes e noites léndolle o libro á súa curmá antes de caer rendida.
A autora recoñeceu o seu amor incondicional polos libros, porque, segundo dixo, “os libros déronnos case todo: fixéronnos chorar, rir, pensar, sacáronnos de viaxe, sacáronnos da casa durante a pandemia...”, de aí a grandeza de obsequiar a algúen cun exemplar. “Regalar un libro a alguén é unha das cousas máis máxicas que hai, un dos grandes poderes que ten a literatura”, engadiu, ademais de confesar que “a compañía dos libros é unha das miñas compañías preferidas”, sen menospreciar a especie humana.